Almuiña visitou as obras de reforma e ampliación do centro de saúde da Illa de Arousa que suporán importantes cambios na atención sanitaria da veciñanza deste concello
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
08 06 2018

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego, Jesús Vázquez Almuiña, visitou hoxe as obras de reforma e ampliación do centro de saúde de A Illa de Arousa, que comezaron o pasado mes de abril, e que contan cun presuposto de 342.869 euros, para un prazo de execución de 6 meses.

As obras son o resultado dun acordo asinado entre a Consellería de Sanidade e o Concello de A Illa de Arousa para mellorar as condicións de accesibilidade do centro sanitario e favorecer unha maior independencia funcional dos usuarios.
 
A superficie da que dispón actualmente o centro de saúde é de 402 metros cadrados. A  obra suporá a intervención nun total de 346 metros cadrados construídos -entre mellora e ampliación- polo que esta infraestructura da rede sanitaria pública galega aumentará a súa superficie ata acadar os 532 metros cadrados.
 
A obra contempla diversas melloras en accesibilidade e ordenación e ampliación de espazos. Así, dotarase cun novo acceso xeral ao centro a nivel de rúa, cun novo posto de control. Incorporarase unha nova área de pediatría no andar baixo e un local para efectuar técnicas asistenciais diversas.
 
Complementariamente, esta obra de reforma contempla a construcción dunha nova escaleira e a dotación dun ascensor. Os espazos do andar primeiro someteranse a un proceso arquitectónico de reordenación e ampliación, con tres salas de espera independentes, tres consultas médicas, dúas consultas para enfermería e unha sala de extraccións, ademais de novos aseos e vestiarios de persoal.
 
Un dos obxectivos técnicos desta reforma é lograr unha delimitación dos espazos asistenciais do centro de saúde ao marxe do resto de locais e usos do edificio, con espazos e percorridos máis racionais, amplos e accesibles.
 
Infraestruturas modernas e con capacidade de resolución
A mellora e modernización das infraestruturas en atención primaria é unha prioridade para a Xunta de Galicia. O Servizo Galego de Saúde traballa para poñer á disposición da cidadanía galega infraestruturas modernas, con capacidade de resolución de alto nivel de calidade e no lugar máis próximo ao paciente como é a atención primaria. 
 
Ao longo desta lexislatura, máis de 300.000 galegos e galegas van cambiar o seu centro de saúde actual por un novo ou renovado, xa que o Executivo que dirixe Alberto Núñez Feijóo está a traballar en 20 novas infraestruturas. Nesta ambiciosa renovación, a Xunta de Galicia vai investir preto de 56 millóns de euros ata o ano 2020. 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss