O Sergas cederá un terreo para a construcción dun fogar temporal destinado a familias con menores ingresados nos hospitais públicos da cidade da Coruña
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
13 06 2018

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e a presidenta do Padroado da Fundación Infantil Ronald McDonald, Blanca Isabel Moreno García, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a cesión de terreos destinados a construción, e posterior xestión, dun fogar para o aloxamento temporal de familias con nenos e nenas enfermos que reciban tratamento médico de longa duración en calquera dos hospitais do Servizo Galego de Saúde (Sergas) emprazados na cidade da Coruña. A devandita infraestrutura situarase no recinto do Hospital Teresa Herrera. O acto de sinatura tivo lugar nas instalacións do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac).

Coa construción da casa de aloxamento temporal nas proximidades do Hospital Teresa Herrera da Coruña, Galicia súmase as iniciativas desta índole xa postas en marcha pola fundación en Barcelona, Málaga, Valencia e Madrid. Dende a apertura da primeira Casa Ronald McDonald en España en 2002 e ata o 31 de decembro do pasado ano, pasaron por estes fogares máis de 3.000 familias diferentes, que realizaron máis de 7.000 ingresos hospitalarios. A duración media das estancias en 2017 foi de 18 días, aínda que a gran maioría das familias se aloxaron entre 1 e 10 días.
 
A construción e posta en marcha deste aloxamento temporal facilitará a acollida daqueles menores con enfermidades graves que, xunto aos seus familiares, se trasladen lonxe da súa residencia habitual para ser hospitalizados ou recibir tratamento médico especializado e de longa duración. O obxectivo é mellorar a calidade de vida destes doentes infantís e das súas familias, proporcionando deste xeito “un fogar fóra do fogar”. A estancia nesta casa para as familias ten un carácter totalmente gratuíto e a duración da mesma variará en función da duración do tratamento.
 
Tanto a construción como a xestión da casa de aloxamento temporal levaranse a cabo pola Fundación Infantil Ronald McDonald. Esta tamén asumirá a totalidade dos gastos derivados do funcionamento ordinario deste fogar.
 
O convenio
En base ao convenio asinado hoxe, o Sergas comprométese a facilitar a coordinación, a través da Xerencia da Xestión Integrada da Coruña, entre os diferentes servizos médicos dos hospitais dependentes do Servizo Galego de Saúde emprazados na Coruña e a fundación. E a coordinar, a través da Xerencia e en colaboración coa institución sen ánimo de lucro, a entrada dos enfermos e das familias que teñan que aloxarse na casa, previa verificación e acreditación da necesidade asistencial, e unha vez solicitado o o seu consentimento para a transmisión dos seus datos.
 
Pola súa banda, a Fundación Infantil Ronald McDonald comprométese a redactar o proxecto de construción (que deberá ser aprobado polo Sergas) e, unha vez obtida a licencia municipal, a executar as obras conforme ao mesmo asumindo todos os gastos derivados da construción, conservación, mantemento e todos aqueles que fosen necesarios para o funcionamento e seguridade do inmoble, das instalacións e do desenvolvemento dos servizos que se ofrezan.
 
A institución sen ánimo de lucro tamén se compromete a aloxar a familiares dos nenos ingresados en calquera dos hospitais da rede pública galega emprazados na Coruña ou que estean recibindo tratamento médico lonxe do seus domicilios habituais. Tamén informará puntualmente sobre as porcentaxes de ocupación da casa e da saída das familias que estean aloxadas nela. Con carácter anual remitirá á Comisión Mixta de Seguimento do convenio unha memoria das actividades desenvolvidas. 
 
Previo ao inicio da actividade do fogar temporal, a fundación remitirá ao Sergas, para a súa aprobación, unha proposta de regulamento de funcionamento do mesmo.
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss