O Hospital Universitario Lucus Augusti reduce en sete días a espera media para consultas e aumenta actividade, acadando uns dos mellores resultados dos últimos anos
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
20 07 2018

O Hospital Universitario Lucus Augusti rexistrou un importante incremento de actividade neste primeiro semestre de ano, especialmente, no que atinxe a consultas externas e probas diagnósticas. Ao tempo que se incrementou a actividade asistencial na maioría das áreas hospitalarias, o HULA logrou reducir a espera media para consultas externas a 40 días, sete días menos que no mesmo período do ano anterior. Pola súa banda, a demora media para probas diagnósticas baixou a 53 días, catro menos que en 2017, e para unha intervención cirúrxica situouse en 39,7 días, permanecendo estable respecto ao ano anterior. O HULA consolida así os bos resultados acadados nos últimos anos en canto a actividade e demora.

O incremento de actividade foi xeral en practicamente todas as áreas hospitalarias. En consultas externas lográronse melloras significativas, grazas ao incremento da capacidade resolutiva do hospital ou a actuacións específicas levadas a cabo na xestión das axendas, que xunto co traballo e implicación de todos os profesionais é o que está a permitir acadar estes resultados de actividade.
 
A conxunción de todos estes factores permitiulle ao Hospital Universitario Lucus Augusti aumentar o volume de consultas atendidas e manter a demora por debaixo da media dos centros da rede Sergas. Así, neste primeiro semestre, o número de consultas externas atendidas foi moi superior ao do ano pasado. Entre xaneiro e xuño, os especialistas do HULA resolveron 239.246 consultas externas, 7.733 máis que no mesmo semestre do ano anterior (con 231.513 consultas atendidas). Das 239.246 consultas vistas polos especialistas, preto de 60.000 eran primeiras consultas e o resto, consultas sucesivas ou revisións. Xunto a este incremento de actividade, destaca a redución do tempo medio de espera para unha primeira consulta, que a finais de xuño se situou en 40 días, sete menos que no mesmo semestre de 2017, cando a demora era de 47,5 días. De forma conxunta á redución da demora media e ao aumento de actividade, o HULA tamén reduciu o número de pacientes en lista de espera para consultas en preto de  1.400 pacientes.
 
Ao respecto da actividade cirúrxica, destacar un lixeiro incremento de actividade acompañado tamén dunha redución do tempo medio de espera en preto dun día.  Neste primeiro semestre practicáronse nos quirófanos do HULA un total de 9.030 intervencións cirúrxicas, 70 máis que no mesmo período de 2017, e a espera media pasou de 40,3 días en 2017 aos 39,7 deste semestre, consolidando os bos resultados dos últimos anos, que reflicten un aumento de actividade acompañado dunha redución da demora.
 
Das 9.030 intervencións realizadas no HULA neste semestre, 6.895 estaban programadas e, o resto, foron intervencións urxentes. Ademais, 4.376 foron intervencións ambulatorias, é dicir, que non precisaron o ingreso do doente trala operación. O crecemento da cirurxía ambulatoria vén da man da gran mellora técnica experimentada nos hospitais e do avance da cirurxía nos últimos anos. Ademais, hai que salientar outro dato: o 95% pacientes do HULA foron operados antes de tres meses trala indicación da intervención.
 
Seguindo a liña de actuación do Servizo Galego de Saúde, o Hospital Universitario Lucus Augusti segue a facer especial fincapé e a priorizar a atención aos pacientes máis graves. A finais de xuño, os pacientes con prioridade 1 agardaban unha media de 18, por debaixo dos 30 días que establece o Sergas como máximo para a atención destes pacientes.
 
O Hospital Universitario Lucus Augusti ten implantadas cinco vías rápidas para detección e tratamento de cancros de mama, pulmón, larinxe, próstata e colorrectal, ademais de circuítos especiais de derivación de pacientes con sospeita de cancro. Estas vías rápidas aseguran esperas mínimas a estes pacientes.
 
Probas diagnósticas, ingresos e urxencias
No tocante ás probas diagnósticas, os datos de actividade e demora tamén reflicten unha diminución do tempo medio de espera a 53 días, fronte aos 57 días do mesmo semestre do ano anterior, o que supón unha redución de catro días. Esta mellora na espera media veu acompañada dun aumento de actividade na área diagnóstica. Así, neste primeiro semestre xa se realizaron no HULA 89.416 probas de radiodiagnóstico convencional (2.293 máis que en 2017). Tamén aumentou o número de TACs realizados, dos que xa se fixeron 15.819 (case dous mil máis que en 2017)  e 4.341 Resonancias Magnéticas (330 máis que no mesmo semestre do ano anterior). Outras probas diagnósticas con importante volume de actividade foron as ecografías, das que xa se realizaron 25.692 (573 máis que en 2017), electrocardiogramas (3.931) ou 1.861 espirometrías, entre outros estudos, como endoscopias, mamografías...
 
Os indicadores de actividade do HULA relativos a este primeiro semestre do ano 2018 recollen outros datos da importante actividade desenvolvida neste centro,  como as máis de 50.415 urxencias (1.238 máis que entre xaneiro e xuño de 2017), das que un 16,3% precisaron o posterior ingreso hospitalario do paciente. Ou os máis de 12.134 ingresos hospitalarios (fronte aos 11.796 do primeiro semestre de 2017). Estes ingresos xeraron 99.041 estadías, cunha estadía media de 8 días por paciente.
 
Incremento de actividade en atención primaria
Non menos importante foi a actividade desenvolvida nos centros de saúde de Atención Primaria da provincia dependentes da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos. Nestes seis primeiros meses do ano, os profesionais destes centros atenderon xa 1.738.357 consultas, case 31.000  máis que no mesmo semestre do ano anterior (no que se viron 1.707.409 consultas de Atención Primaria).  Delas, 941.961 foron consultas de medicina xeral (28.651 máis que no 2017); 587.785 de enfermaría;  98.467 de pediatría; 25.298 de odontoloxía e 19.449 de matrona. Destes datos dedúcese que os lucenses acoden unha media de 6,5 veces ao ano ao seu médico de cabeceira. As consultas non presenciais tamén se incrementaron substancialmente, ao pasar das 144.598 en 2017 ás 166.565 atendidas neste primeiro semestre de 2018, o que supón casi 22.000 máis.
 
Ademais das consultas propiamente ditas, os profesionais dos centros de saúde da provincia realizaron entre xaneiro e xuño, 13.351 electrocardiografías (826 máis que en 2017); 1.048 probas de espirometría (fronte ás 678 do ano anterior); 345 retinografías e 311 ecografías.
 
Xunto co gran volume de actividade hai que destacar o alto grao de resolución dos profesionais de Atención Primaria na provincia, pois tan só un 7% das consultas atendidas neste nivel asistencial tiveron que ser derivadas ao hospital de referencia.
 
Pola súa banda, nos Puntos de Atención Continuada (PACs) da provincia, prestouse xa asistencia sanitaria urxente neste primeiro semestre a 102.801 pacientes (1.683 máis que no mesmo semestre do ano anterior), salientando tamén a alta capacidade resolutiva dos  PACs, xa que a porcentaxe de derivación a urxencias hospitalarias foi dun 9% do total de pacientes atendidos nestes servizos de urxencia extra hospitalarios.
 
Esta mellora da actividade acadada tanto no HULA como en Atención Primaria reflíctese tamén na suma total dos centros da EOXI de Lugo, Cervo e Monforte, que en conxunto diminuiron a espera media cirúrxica ata os 38 días e ata os 37 días a de consultas, ao tempo que en toda a EOXI se aumentaron as intervencións cirúrxicas totais, as consultas externas hospitalarias (8.578 máis), as probas diagnósticas, as urxencias e os ingresos.
 
O máximo responsable do Sergas na provincia de Lugo, Ramón Ares Rico, destaca que os indicadores de actividade e demora obtidos neste primeiro semestre do ano, tanto polo HULA, como polo conxunto de centros da EOXI, consolidan os bos resultados de actividade acadados nos últimos anos e reflicten “que se segue a mellorar, grazas as dotacións dos hospitais e centros de saúde, pero sobre todo grazas á gran implicación dos profesionais do Sergas na provincia, verdadeiros artífices desta mellora dos datos de actividade e demora deste semestre”.
 
Ares Rico engadiu que a EOXI de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos “seguirá a traballar ao longo do ano para consolidar e, se é posible, mellorar aínda máis estes xa de por si bos resultados de actividade, que veñen avalados pola excelente calidade do traballo dos nosos profesionais, que se reflicte día tras día nunha atención de calidade e cos máis altos niveis de eficacia, polo xeral, altamente valorada polos nosos usuarios”. 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss