O Servizo Galego de Saúde inviste 153.000 euros no novo laboratorio de análises clínicas do Hospital da Barbanza
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
03 08 2018
 

​O conselleiro de Sanidade Jesús Vázquez Almuiña visitou hoxe o novo laboratorio de análises clínicas no Hospital da Barbanza que  contou cun investimento de 153.000 euros e que permitiu unha renovación tecnolóxica.

A superficie total do novo laboratorio é de 200 metros cadrados, 80m2 máis que o anteriormente existente, o que supón un aumento dun 66,6%. Para que o antigo local puidera acoller as novas instalacións de laboratorio realizáronse tarefas de demolición; instalación de fontanería, saneamento, electricidade, climatización e rede informática; instalación de transporte pneumático; traballo de albanelería, carpintería e pintura; e subministro de montaxes de poiatas de laboratorio.

Co cambio de situación do laboratorio, disponse dun espazo maior e mellor distribuído e se melloran as condicións ambientais, de ergonomía e de seguridade, mellorando así as condicións de traballo dos profesionais. En canto á dotación tecnolóxica, posibilitou a adquisición de novo material e o cambio doutro, como os autoanalizadores, equivalentes aos utilizados no Hospital clínico de Santiago.
 
Outra das importantes melloras foi a incorporación dun novo programa informático de xestión de laboratorio, de xeito que agora todos os laboratorios da área funcionan co mesmo sistema e na mesma base de datos figuran todas as analíticas tanto de primaria como de especializada. Este cambio supón estar integrados, traballar cun programa que ten moitas máis prestacións e unificar nunha base de datos común todas as analíticas dos centros de saúde e dos hospitais da área, o que facilita o traballo.
 
Proximamente se porá en marcha un novo equipo para medir procalcitonina que é un marcador moi preciso para o diagnóstico de infeccións graves. Tamén está previsto poñer en marcha en outubro a petición electrónica.
 
O servizo de laboratorio da Barbanza está certificado dende o ano 2010 pola norma ISO 9001 para todos os procesos. Procésanse mostras urxentes e de rutina, estando o tempo de reposta das urxentes nos 35 minutos de media; o 90 % das analíticas ten un tempo de resposta inferior a 60 minutos. O laboratorio de urxencias funciona as 24 horas todos os días.

Durante o ano 2017 procesáronse 29.178 mostras urxentes, cun total de 239.521 determinacións e 18.210 de rutina con 320.496 determinacións. O persoal do laboratorio está formado por 9 técnicos especialistas en laboratorio de diagnóstico clínico, 1 auxiliar administrativo, 1 supervisora de servizos centrais e un facultativo especialista en análises clínicas. O servizo de transfusión, incorporado no laboratorio, conta ademais cun facultativo especialista en hematoloxía.

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss