O Ministerio de Sanidade recoñece como Boa Práctica Clínica a abordaxe da dor crónica non oncolóxica da área sanitaria de Santiago
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
05 09 2018

Santiago, 5 de setembro de 2018.- A xerencia de área Sanitaria de Santiago ven de recibir a comunicación do Ministerio de Sanidade polo que recoñece a experiencia “Abordaxe coordinada entra atención primaria e hospitalaria da dor crónica non oncolóxica” na área sanitaria de Santiago, como Boa Práctica do Sistema Nacional de Saúde na convocatoria 2017 dentro da estratexia para a Abordaxe da Cronicidade. Esta distinción facilita a súa replicación noutros centros do SNS e incorpora un valioso enfoque innovador que mellora a calidade asistencial a todos os niveis, destaca o texto.

 “A identificación e difusión de Boas Practicas é un elemento esencial no camiño cara a excelencia e polo tanto constitúe unha prioridade no SNS” continúa a comunicación da directora xeral de Salud Pública, Calidad e Innovación do Ministerio de Sanidade.

 A xerencia compostelá presentou a experiencia da implantación da e-consulta de Dor Crónica non Oncolóxica centrada no centro de saúde de Noia no ano 2016. O estudo foi elaborado pola dirección de Calidade da Xerencia e Sergio Cinza, facultativo de Atención Primaria do Centro de Saúde de Porto do Son. Na actualidade a e-consulta de Dor Cónica está implantada en toda a área sanitaria e permite a consulta electrónica entre profesionais de atención primaria e hospitalaria, concretamente da unidade de Dor. O seu obxectivo é mellorar a calidade da asistencia sanitaria prestada aos doentes con dor crónica non oncolóxica e está orientada a doentes que tras esgotar todas as ferramentas terapéuticas dispoñibles no cento de saúde non manifestan melloría tras seis meses de tratamento.

Trala análise do proceso, o traballo conclúe que a e-consulta é un “proceso altamente resolutivo” que, ademais de darlle visibilidade á patoloxía, aporta seguridade sanitaria e aforro de tempo e de custes. Os profesionais traballan baixo os mesmos protocolos de actuación e prioriza a interconsulta a distancia sobre a derivación presencial, mellorando a continuidade dos procesos asistenciais. Posibilita ademais unha rápida resposta a dúbidas e cuestións expostas polos equipos de atención primaria e evita desprazamentos innecesarios dos doentes ata o hospital.
 
O estudo presentado tamén destaca que coa e-consulta acádase, desde a situación clínica detectada polo profesional de atención primaria, unha priorización da consulta física ou da aplicación de técnicas invasivas para o control da dor.

Os resultados iniciais amosaron que o 27 % dos doentes que foron diagnosticados e tratados en Atención Primaria por dor cónica, precisaron ser derivados a través de e-consulta á Unidade de Dor do Hospital Clínico ao non acadar melloría, cunha demora inferior a 21 días, sensiblemente menor á espera media existente antes da súa implantación.

A abordaxe da patoloxía pode incluír tratamento non farmacolóxico, como fisioterapia, terapia ocupacional, intervención psicoeducativa (necesaria no 80% dos casos analizados durante o estudo), incorporación de hábitos saudables (abandono do tabaquismo, actividade física, redución de peso, redución de alcohol, dieta e hixiene do sono, entre outros) e tratamento farmacolóxico adaptado a cada doente.

O traballo presenta unha visión ampliada da dor crónica non oncolóxica (DCNO), xa que ademais da lumbalxia crónica incluíu outras patoloxías como o ombro doloroso crónico, neuropatía postherpética e incluso coxartrose e gonartrose nos casos nos que non se opta pola intervención cirúrxica.






 

Saúdos

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss