O CHUAC COMEZA A PROBAR EQUIPOS DE CIRURXÍA ROBÓTICA DE APOIO Á CONVENCIONAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
07 09 2018
O equipo de cirurxía xeral do CHUAC, liderado polo Dr. José Noguera, operou esta semana varios casos de cirurxía oncolóxica mediante a utilización dun brazo robótico (SOLOASSIST) anclado á mesa cirúrxica, e dirixindo os procedementos laparoscópicos mediante sinxelos comandos por voz. Isto foi posible grazas á utilización do quirófano integrado, de recente funcionamento, que permite por unha banda a visión en 3D e por outra a robotización dos movementos da óptica.

 

Outro elemento a destacar é a administración de colorantes endovenosos que, grazas a filtros aplicados á óptica con emisión de luz pulsada polarizada, permiten ver se a vascularización dos tecidos á a axeitada. Esta mellora redunda na seguridade para o paciente ao permitir no procedemento cirúrxico (gastrointestinal, neste caso) coñecer se os extremos que se van a unir para restablecer a continuidade dixestiva están perfectamente irrigados. Está técnica, coñecida como “ICG-test de fluorescencia”, é outra ferramenta que se puido empregar nos quirófanos do CHUAC e que nace da mellora do software nos equipos de imaxe.

Pero estes avances non rematan só na esfera da visión e da imaxe, senón que aparecen sistemas minirobóticos para a sutura dos tecidos. Neste caso estamos a falar da robotización da sutura mecánica, máquinas cortadoras lineais que grapan e dividen o tecido e que permiten analizar en milisegundos a consistencia e o grosor do mesmo, ademáis de por ao alcance do cirurxán o coñecemento sobre o tipo de carga a empregar, a velocidade de grapado, impedindo incluso a realización da sección se as condicións non son as apropiadas.

Pero ademáis a sutura manual non é allea a estes avances, e dende vai poco tempo os profesionais do CHUAC contan cun sistema de sutura mecanizado "Flex-dex" que permite realizar os mesmos xestos cirúrxicos coa man do cirurxán que os sistemas robóticos convencionais. Con isto conséguese ter acceso a outro dos grandes avances da robótica, a sutura intracorpórea con seguridade en situacións difíciles.
 
A robotización da cirurxía mínimamente invasiva
Dende que no ano 1992 se iniciara a cirurxía laparoscópica, o crecemento nas súas indicacións e o seu desenvolvemento tecnolóxico foi imparable. A aparición da minilaparoscopia e das abordaxes por orificios naturais e porto único, aparecidos ambos na pasada década, foron algúns dos grandes avances que viñeron a mellorar a cirurxía mínimamente invasiva, conseguindo unha importante redución na agresión cirúrxica ao paciente e chegando a conseguir case a “cirurxía sen cicatrices”.

O outro gran impulso á cirurxía mínimamente invasiva veu da man da robótica. A robotización da cirurxía endoscópica foi un gran progreso que mellorou a seguridade do paciente nalgúns procesos complexos e que permitiu unha ferramenta de conexión remota para a formación doutros cirurxáns, impensable fai só 20 anos. A forma máis coñecida é o robot cirúrxico DaVinci, do que saen 3 ou 4 brazos coma se fosen os do equipo cirúrxico e unha consola dende onde o cirurxán manexa o robot.

Pero existe outra forma menos coñecida, que pouco a pouco vaise ir implantando, e que permite a realización dunha cirurxía laparoscópica parcialmente robotizada. Trátase de minirobots inmersos en equipos de sutura, de melloras de software con intelixencia artificial nos equipos de imaxe e a aparición de brazos robotizados que actúan de forma independente sen necesidade de estar reunidos nun robot. A visión tridimensional, o movemento robotizado dos instrumentos cirúrxicos gobernados pola voz do cirurxán, os sistemas de sutura mecánica e manual “intelixentes”, parcialmente robotizados, son algúns dos exemplos que se están a incorporar no CHUAC.

Neste momento de transición entre o clásico robot e a introdución do desenvolvemento de procedementos robóticos parciais, o servizo de cirurxía do CHUAC está a probar algunhas das solucións robóticas que permiten aumentar a seguridade do paciente cando se realiza cirurxía de mínima invasión, á vez que se persegue un incremento no rendemento cirúrxico, así como a diminución das complicacións, o que permitirá a rendabilidade da incorporación destas solucións robóticas.

Esta robotización da cirurxía laparoscópcia pódese aplicar en calquera das cirurxías endoscópicas, pero no caso do CHUAC, optouse por aplicalas nas cirurxías de alta complexidade como a cirurxía laparoscópica do cancro colorectal, a cirurxía de cancro dixestivo esofago-gástrico e pancreático, así como a cirurxía laparoscópica de longa duración ou que precisa de sutura laparoscópica complexa.


A incorporación destas solucións robóticas mellora, en todas estas indicacións, os beneficios xa coñecidos da cirurxía mínimamente invasiva como a mellor e máis rápida recuperación do paciente, a diminución das complicacións postcirúrgicas, así como o retorno máis cedo ás súas tarefas habituais.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss