​Uns 600 alumnos de medicina completan a súa formación práctica cada día nos centros da xerencia compostelá
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
13 09 2018
Santiago, 13 de setembro de 2018.- Cada día uns 600 alumnos de diferentes cursos da facultade de Medicina da USC (3º,4º,5º e 6º) realizan a súa formación práctica nos diferentes centros da área sanitaria compostelá. Esta mañá tiveron lugar, no recinto do Hospital Clínico de Santiago, os actos de benvida dos alumnos de 6º e 3º curso da Facultade de Medicina.

  

Os encargados de dar as primeiras pautas e recomendacións aos alumnos que colaborarán cos profesionais sanitarios na práctica clínica foron o vicedecano da Facultade, José Martín Carreira, a xerente da área sanitaria de Santiago, Eloína Núñez, a vicedecana de Intercambios, Innovación Docente e Calidade, Ángela Torres, o coordinador de 6º curso da xerencia compostelá, Miguel Gelabert, e a directora do Centro de Linguas Modernas da USC, Katerina Vlasakova, na benvida dos alumnos de sexto. Unha hora máis tarde case os mesmos ponentes, xunto a o coordinador de 3º curso, David Araúxo, dirixíanse aos alumnos de terceiro curso.
 
Nos encontros lembráronse, entre outras cuestións, as principais recomendacións do protocolo que determina as pautas básicas destinadas a asegurar e protexer o dereito á intimidade do doente polos alumnos residentes en ciencias da saúde, aprobado pola comisión de recursos humanos do Sistema Nacional de Saúde. Pola súa banda, Eloína Núñez destacou a importancia da presenza dos alumnos na área sanitaria e pediulles que con espírito crítico e construtivo contribúan a mellorar cada día o sistema sanitario. Insistiu en que traballen tanto na adquisición de coñecementos como de habilidades para poder empatizar cos doentes, o eixe fundamental da asistencia sanitaria.
 
No terceiro curso inícianse as prácticas no entorno hospitalario, e logo vanse incrementando as horas de práctica clínica, incluíndose os centros de atención primaria, ao tempo que diminúen as horas de docencia teórica. Xa en 6º a formación é eminentemente práctica e principalmente enfocada a preparación das cualificacións profesionalizantes e á posta en práctica dos coñecementos teóricos adquiridos nos anos anteriors. O curso culmina coa celebración da ACOE (Avaliación de Competencias Obxectiva e Estruturada do Grao en Medicina) e a elaboración do traballo de fin de grao.
 
O edificio das consultas externas do Hospital Clínico de Santiago de Compostela, acolle estas probas da Avaliación de Competencias Obxectiva e Estruturada do Grao en Medicina. Para a realización desta proba, que é a ACOE na que participan máis alumnos de toda España, son necesarias unhas 150 consultas onde uns 400 titores examinarán, durante un total de 200 minutos, a cada un dos arredor de 400 alumnos de sexto de medicina que participan.
 

 

Saúdos
 

 

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss