UN TOTAL DE 126 ALUMNOS E ALUMNAS DE TERCEIRO GRAO DE ENFERMARÍA E PODOLOXÍA E TÉCNICOS DO IES LEIXA COMEZAN O SEU PERÍODO DE PRÁCTICAS NO CHUF
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
13 09 2018

Un total de 126 alumnos e alumnas de terceiro curso do Grao de Enfermaría e Podoloxía e do centro educativo IES Leixa comezan o seu período de prácticas na Xerencia Integrada de Ferrol. Son 55 alumnos de Enfermaría, 51 de Podoloxía, 18 Técnicos de Coidados Auxiliares de Enfermaría e  2 técnicos de Laboratorio Clínico e Biomédico. Dábaselles a benvida este mañá, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Universitario, no que estiveron presentes o xerente, Ángel Facio Villanueva; a directora de Procesos de Soporte, Fernanda López Crecente; a decana da Facultade de Enfermaría e Podoloxía, Natalia Sobrido Prieto; e a directora do centro educativo IES Leixa, Ana María Roel Ares.
Estes novos alumnos súmanse ós de cuarto que xa foron acollidos o pasado ano co que se elevan a máis de 160 o total de alumnos de estas categorías que se están a formar no Complexo Hospitalario Universitario. No que se refire á formación pregrao, engádense tamén en formación nesta área os 10 alumnos de sexto da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, ós que se lle daba a benvida igualmente esta mesma semana.
Estaban presentes tamén no salón o director de Procesos de Enfermaría, Luis Arantón Areosa; e as subdirectoras de Enfermaría, Isabel Campos Pardo e Esther Vidal Maroño; xunto coa coordinadora de Técnicos de Coidades Auxiliares de Enfermaría, Angélica Mosconi Domínguez; e algúns dos profesionais que coordinarán a formación destes novos alumnos e alumnas. Durante este acto de benvida, o xerente, Ángel Facio, insistiu en que “aproveiten as sinerxias profesionais, porque os oficios apréndense facéndoos”, sobre todo “nun sistema tan complexo no que traballan moitos profesionais, e no que todos somos importantes”. Aproveitou para agradecer o traballo xeral dos titores e profesionais “é un luxo ter na sanidade pública os profesionais que temos en Ferrol“.
Pola súa banda, a directora de Procesos de Soporte, Fernanda López Crecente, incidiu en que “a base do noso traballo é a integración e traballar en equipo”; recordándolle que “unha cousa é a formación académica e científica, e outra a humana, e queremos que as dúas partes sempre vaian acompañadas en toda a nosa vida laboral”. Lembrou “o dereito dos pacientes a recibir un trato digno e respectuoso”. A decana da Facultade incidiu, en que os alumnos “recorden que están nun entorno real, que se integren nos equipos multidisciplinares, “tendo en conta tódalas categorías”, e que “aproveiten ó máximo a súa estadía formativa”. A responsable do IES Leixa agradeceu esta benvida  que “pon en valor a formación profesional”, e a “colaboración entre entidades, que se traduce en diversas actividades que os enriquecen mutuamente”, e que permiten “adquirir destrezas cada vez máis axeitadas á realidade”.
Rotar para coñecer a realidade asistencial
Os alumnos e alumnas da Enfermaría, ós que se lle daba a benvida hoxe, adquirirán coñecementos nos ámbitos hospitalarios, tanto médicos como cirúrxicos. Estarán divididos en grupos que se incorporarán ós distintos departamentos en diferentes períodos temporais ó longo do total do seu curso académico. Estes alumnos e alumnas estarán acompañados nos centros polo seus titores. Rotarán por Medicina Interna, Cirurxía Xeral, Traumatoloxía, Hospital de Día, Hospitalización a Domicilio, Coidados Paliativos e Saúde Mental. Posteriormente, en cuarto, incorporan tamén unha formación máis practica no ámbito da Medicina Familiar e Comunitaria nos centros de saúde, na área maternal (partos, tocoloxía e matrona), na área infantil (pediatría, prematuros, UCI pediátrica, e Urxencias de Pediatría); e Unidades de Críticos (como UCI, Reanimación e Urxencias).
Pola súa banda, os alumnos de Podoloxía de terceiro, ós que se lle daba a benvida hoxe, rotarán, dende febreiro a maio de 2019 por Dermatoloxía; e, o ano que vén, en cuarto, rotarán polo Servizo de Traumatoloxía e a Cámara Hiperbárica. Os técnicos de Laboratorio e Biomédico formaranse nos Laboratorios da área.
Algúns consellos básicos
No acto de benvida esta mañá, as claves foron recordar que o importante é o paciente, a responsabilidade que iso leva consigo; e lembrar que o secreto profesional e a confidencialidade non son só unha cuestión ética, senón regulada por lei. Os responsables da Dirección destacaron a importancia da formación e o agradecemento ó esforzo dos e das profesionais polo que supón de traballo a maiores para eles colaborar na formación dos futuros profesionais.
A supervisora de Formación Continuada, María Luísa Fraga, adiantoulles consellos prácticos no día a día, e invitounos a manter unha continua formación e unha relación estreita tanto co paciente como cos profesionais doutras categorías. Coa premisa “nós estamos todos aquí por e para o paciente, é algo que non podemos esquecer”, falou entre outras cuestións do importante da hixiene e lavado de mans; do obrigado coñecemento dos protocolos de accidentes biolóxicos; da importancia de estar identificado; da actitude como elemento clave; de familiarizarse cos espazos e os profesionais; da protección dos datos de carácter persoal e da confidencialidade; e de garantir o dereito e, a dignidade e a intimidade do paciente. Rematou afirmando que “todo é interesante” e invitándoos a “unha aprendizaxe e reflexión continua”.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss