A CONSELLERÍA DE SANIDADE E O CONCELLO DE LUGO ACORDAN AS BASES PARA A AVANZAR NA CONSTRUCIÓN DO FUTURO CENTRO INTEGRAL DE SAÚDE DO BARRIO DA RESIDENCIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
21 09 2018

 

​O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, asinaron esta mañá o convenio de colaboración que establece as bases para avanzar na redacción e execución do Proxecto do Centro Integral de Saúde do Barrio da Residencia. O obxectivo do convenio é posibilitar a reforma do antigo Hospital Materno Infantil de Lugo e, tal e como define o plan funcional, construír tres partes ben diferenciadas: centro de saúde con Punto de Atención Continuada, centro de saúde mental e unha base para o 061.
 
Este convenio conxuga as necesidades asistenciais co ordenamento urbanístico e de infraestruturas da cidade, para o que é preciso a coordinación entre administracións que posibilite unir esforzos para levar adiante este importante proxecto que rexenerará o barrio da Residencia. Estase, sen dúbida, ante unha oportunidade histórica para que un conxunto de novas dotacións públicas sexan capaces a través do urbanismo e a arquitectura de revitalizar e crear unha nova e atractiva centralidade nunha zona da cidade tan necesitada de espazos públicos e de relación.
 
Compromisos asumidos en virtude do convenio
O Concello de Lugo encargarase de facilitar os trámites patrimoniais e urbanísticos que sexan necesarios e a obter os permisos e autorizacións necesarios para executar as obras de referencia establecidas neste Convenio. Tamén asumirá todos os gastos necesarios para dotar ás parcelas das infraestruturas necesarias (accesos rodados e peonís, abastecemento de auga, saneamento, subministración eléctrica e de gas, alumeado, telefonía, etc...); e dotará a este Centro de Integral de Saúde  de todos os servizos públicos relacionados co mesmo.   
 
Tamén asume o compromiso de eximir do pagamento do IBI (imposto sobre bens inmobles) polo tempo de duración do presente convenio, así como de calquera tipo de taxas e prezos públicos que non se correspondan con servizos que se prestan de xeito continuado. O Concello ten prevista ademáis a bonificación do 95% do Imposto sobre construcións, instalacións e obras, posibilidade que se establece a favor de   obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico artísticas ou de fomento de emprego e que deberá ser declarada polo Pleno.

 

O Servizo Galego de Saúde comprométese á elaboración e aprobación do proxecto técnico, así como a contratar, dirixir e executar as obras con cargo aos seus orzamentos. Neste contexto, Concello de Lugo deberá facilitar toda a documentación que sexa necesaria para a redacción do proxecto de obras, incluídas as licencias e demais permisos urbanísticos ou de obras que sexan necesarios para a execución destas actuacións e do funcionamento dos servizos.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss