O Sergas publica a relación provisional de admitidos na OPE de persoal de enfermería, celador e grupo auxiliar da función administrativa
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
03 10 2018

​O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, os anuncios polos que se dá publicidade á relación provisional de persoas admitidas e excluídas, así como os exentos e non exentos do exercicio da lingua galega, no concurso-oposición para o ingreso nas categorías de persoal de enfermería, celador e grupo auxiliar da función administrativa do Servizo Galego de Saúde.

Recibíronse en total 29.752 solicitudes de inscrición para cubrir as 1.429 prazas convocadas, destas 830 prazas son para persoal de enfermería; 209 para o grupo auxiliar da función administrativa e 390 para celador.

En total resultaron admitidos 27.722 aspirantes. O 11,5 % das persoas aspirantes inscritas deberán realizar a proba de lingua galega, ao non resultar exentas de dito exercicio. A categoría con maior número de inscricións rexistradas é a de celador, con 11.429 solicitudes de participación.

Do total de inscricións presentadas, o 3% formalizáronse por persoas residentes en concellos de fóra da comunidade autónoma galega. O 30% dos admitidos teñen entre 30 e 40 anos e o 77% son mulleres.

Solicitaron participar pola quenda de promoción interna un total de 518 aspirantes, todos eles profesionais do Servizo Galego de Saúde, con vinculación fixa que están a desenvolver as súas funcións noutra categoría profesional do mesmo ou inferior nivel de titulación.

Compromiso coa integración laboral das persoas con discapacidade intelectual

Como manifestación do compromiso do departamento sanitario de facilitar a integración laboral das persoas con discapacidade intelectual, por primeira vez no Sergas reserváronse un total de 30 prazas na categoría de celador (das 390 convocadas) para a súa provisión por aquelas persoas aspirantes que ademais de ter recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, acrediten ter unha discapacidade intelectual. O número de inscritos que optan a estas prazas ascende a 273.

 
Está previsto avanzar na integración profesional deste colectivo coa convocatoria de novas probas selectivas para o acceso á categoría de persoal técnico en coidados auxiliares de enfermería.
 
As listas coa relación provisional de persoas admitidas e excluídas e os aspirantes exentos e non exentos do exercicio de lingua galega, atópanse publicadas, ao dispor dos usuarios, na web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Ademais o estado de cada solicitude pode ser consultado polo aspirante en Fides/expedient-e, no apartado de Procesos.
 
Os aspirantes excluídos, non exentos do exercicio de lingua galega ou que non figuren na lista de persoas admitidas ou excluídas, dispoñen de 10 días hábiles (o prazo remata o 18 de outubro) contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, para presentar reclamación dirixida á mesma Unidade de Validación á que dirixiron a instancia de participación, a través da cal poderán corrixir o defecto que motivou a súa exclusión ou a declaración de non exención do exercicio de galego.
 
Habilitouse un enderezo de correo electrónico no que os aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamación.
 
Datas previstas de examen
En coordinación con restantes servizos de saúde está previsto que os exercicios da fase de oposición destas categorías se desenvolvan no ano 2019, nas seguintes datas: celador, o 10 de marzo, grupo auxiliar da función administrativa o 7 de abril e persoal de  enfermería o 12 de maio.
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss