PROFESIONAIS DA ÁREA ABORDAN A GRIPE E O CALENDARIO VACINAL DO ADULTO DÍAS ANTES DO INICIO DA CAMPAÑA ANTIGRIPAL PARA A POBOACIÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
08 10 2018

Profesionais da Xerencia Integrada de Ferrol reuníanse esta mañá, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario, para actualizar coñecementos de cara ó inicio da campaña de vacinación antigripal anual, que se activará para a poboación xeral o vindeiro 22 de outubro, e se prolongará ata o 29 de decembro. O xestor sanitario do Programa Galego de Vacinación, da Xefatura Territorial de Sanidade, Eduardo Rodríguez Paz, falou sobre a cobertura de vacinación, as novidades da vacina, e aspectos de loxística.
 

Eduardo Rodríguez describiu ós profesionais as cuestións relativas á historia da gripe, ás ondas epidémicas, e as coberturas. Deu conta das novidades da campaña para este ano; e dos compostos que se van aplicar e como facelo, poñendo de xeito presencial voz a aspectos técnicos que se recollen nas instrucións internas de vacinación. Ademais, recordoulles onde consultar toda a información e os distintos aplicativos de xestión interno da vacinación, como facer os pedidos e en que condicións. Trátase, como indicaba este profesional que hoxe se desprazaba a Ferrol, de recordar as cuestións básicas que xa coñecen e de sensibilizar da importancia da mesma, para potenciar a vacinación de cara a campaña. Aproveitando a visita, revisou tamén o calendario de vacinas de adultos.
 

Este profesional expuxo que o pasado ano protexeuse fronte á gripe a un total de 28.968 persoas da área sanitaria ferrolá, e que se realizaron un total de 2.839 chamadas específicas á persoas susceptibles de recibir a vacina que non a solicitaran no seu centro de saúde. Concluíu cun dato clave, estímase que vacinarse fronte á gripe evita 3.900 hospitalizacións e entre 1.000 e 2.500 defuncións en España. Producíanse un total de 225 mortes directamente relacionadas coa gripe, o pasado ano en Galicia.
 

Puntos de vacinación na área sanitaria ferrolá
A poboación da Xerencia Integrada de Ferrol conta con 30 puntos de vacinación para poder protexerse fronte á gripe. O obxectivo desta campaña é minimizar o impacto da gripe na saúde, e diminuír o número e gravidade das complicacións derivadas de padecela. A vacina da gripe ten un importante beneficio en canto que reduce a incidencia desta enfermidade, pero moi especialmente diminúe a frecuencia de complicacións secundarias e, así mesmo, o risco de hospitalización e morte relacionada coa gripe nas persoas maiores, con ou sen condicións médicas de risco, e noutras persoas con patoloxías previas. Recórdase tamén que o máis axeitado é consultar ó persoal sanitario no centro de saúde; e que existen sistemas de citación habilitados para a administración da vacina.
 
A campaña deste ano ten como lema Contaxia a túa enerxía e non a gripe. Adquiríronse un total de 608.000 doses para toda Galicia, 48.000 máis que a pasada campaña, e destinou un orzamento que ascendeu a 2.183.220 euros, 226.980 euros máis que no ano 2017. Entre as novidades das que se informou hoxe figuran que por primeira vez se oferta ó sanitario a oportunidade de se vacinar previamente, e a Xerencia Integrada de Ferrol sumarase a esta iniciativa. Deste xeito, o persoal pode afrontar o inicio da campaña de vacinación xa protexidos fronte a esta enfermidade, evitando o risco de transmisión da gripe ós seus pacientes. Ademais, nunha aposta pola importancia que nesta campaña ten a vacinación dos sanitarios, distribuiranse entre o persoal vacinado unhas chapas co lema "Eu vacineime. E ti?" para incentivar aos profesionais comprometidos coa vacinación.
 

Tres tipos de vacina
Outra das novidades da campaña deste ano é a utilización da vacina antigripal tetravalente, que se vai empregar en dous grupos de poboación: nas mulleres embarazadas e nos menores de 15 anos que presenten algunha condición de risco. Ademais desta vacina tetravalente, durante a campaña 2018, empréganse outros dous tipos de vacina. Unha delas é a vacina convencional, que é unha antigripal inactivada de antíxenos de superficie e que pode ser utilizada a partir dos 5 anos de idade. A outra das vacinas empregadas é a de antíxenos de superficie inactivados con adxuvante indicada para as persoas de 75 ou máis anos e para as ingresadas en residencias de 65 ou máis anos xa que esta vacina ten unha maior inmunoxenicidade, para os que xera unha resposta inmune máis potente neste grupo de persoas cun maior risco de complicacións.
 

A vacinación ofértase gratuitamente para as persoas de 60 ou máis anos, residentes en institucións pechadas de calquera idade, mulleres embarazadas e tamén para aquelas persoas entre 6 meses e 59 anos con factores de risco que os predispoñen a padecer complicacións derivadas da gripe. Ademais, ofértase a persoas que lle poden transmitir a gripe a outras con alto risco de complicacións (entre os que se atopan os traballadores sanitarios) e tamén para persoas que desenvolven servizos esenciais para a comunidade.
 

A Consellería de Sanidade ten activa tamén unha web temática como o principal portal de información para a sociedade e os profesionais, na que se actualiza toda a información técnica e os datos de evolución da campaña. Así mesmo, tódolos usuarios da aplicación informática VACGAL recibirán os avisos do inicio da campaña. Esta App gratuíta da Consellería de Sanidade activouse en abril deste ano, poñendo a disposición da cidadanía información fiable e personalizada sobre o calendario vacinal por medio dos seus dispositivos móbiles.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss