UN PÓSTER SOBRE HISTERECTOMÍAS LAPAROSCÓPICAS DO CHUF É PREMIADO NO ENCONTRO GALEGO DE XINECOLOXÍA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
11 10 2018

Un póster que afonda polo miúdo nas histerectomías laparoscópicas realizadas no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol da Xerencia Integrada de Ferrol, entre os anos 2010 e 2017, é premiado no 73 Congreso da Sociedade Galega de Obstetricia e Xinecoloxía, que se celebraba hai uns días en Santiago de Compostela. A histerectomía é a extirpación do útero, con o sen extirpación dos ovarios, por mor dunha patoloxía benigna, como por exemplo un mioma, ou maligna, como un cancro.
 

Os autores centráronse nas realizadas por vía laparoscópica, isto é, sen ter que facer unha cirurxía aberta, empregando só uns orificios para a entrada do material cirúrxico, e coa visión a través dunha óptica. O maior beneficio para a paciente é que a recuperación é moito mellor e máis rápida, e diminúen as posibles complicacións posteriores.
 

O póster, asinado por seis especialistas do Servizo de Xinecoloxía e Obstetricia da área sanitaria ferrolá, estudou unha cohorte dun total de 48 histerectomías laparoscópicas que se realizaron no Complexo Universitario, entre os anos 2010 e 2017. Prémiase a análise fonda dos datos dende unha perspectiva epidemiolóxica e que implica saber que se está a facer e como. Os datos recolléronse retrospectivamente das historias clínicas do centro hospitalario. Estudáronse a idade, se houbo ou non cirurxías abdominais previas, data e motivo da intervención, tipo de histerectomía, tempo cirúrxico, complicacións ou estadía hospitalaria.
 

Mulleres premenopáusicas sen cirurxías previas
A extirpación do útero realizouse en máis de metade en mulleres en idades comprendidas de entre 51 e 55 anos (o 33,33%), e entre os 46 e os 50 anos (o 22,92%). Concluíron que estas cirurxías, na súa maioría realizada por cirurxiáns experimentados en cirurxía laparoscópica, son “máis habituais entre mulleres premenopáusicas e sen cirurxías abdominais previas”, o 60% delas non tiña a menopausa aínda; e o 77% non foran sometidas a ningunha cirurxía de tipo abdominal. No 71% dos casos a cirurxía foi laparoscópica totalmente; no 21% asistida por vía vaxinal; e e só nun 8% foi unha combinación de laparoscopia e laparotomía, a realizada cunha incisión maior e con visión directa.
 

A causa na metade das intervencións foi por un útero miomatoso sintomático (no 37,5% dos casos), un útero con miomas e síntomas, fundamentalmente sangrados; ou por hiperplasia con atipias (nun 21%), unha lesión premaligna do endometrio. O tempo máis habitual empregado nas cirurxías é o inferior a 150 minutos (no 40% dos casos). Case a metade das mulleres (o 48%) estiveron só entre 1 e 3 días hospitalizadas trala intervención. Por último, no 87% dos casos non se produciu ningunha complicación (o 54%), ou as complicacións foron unha anemia leve ou moderada (o 33%).
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss