Profesionais da área sanitaria ferrolá pódense vacinar fronte á gripe unha semana antes de que comece a campaña para a poboación
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
15 10 2018

 

 
​A vacinación da gripe vaise ofertar por primeira vez ó persoal sanitario e non sanitario antes do comenzo oficial da Campaña da Gripe 2018. Así, entre os días 15 e 19 de outubro, todo o persoal da Xerencia pódese vacinar para afrontar o inicio da campaña xa protexidos fronte a esta enfermidade. É una medida máis para evitar o posible risco de transmisión da gripe ós pacientes. Ademais, nunha aposta pola importancia que nesta campaña ten a vacinación dos sanitarios, distribuiranse entre o persoal vacinado unhas chapas co lema Eu vacineime. E ti?, que amosan o compromiso do profesional coa vacinación.
 
Os e as profesionais sanitarias da área contan normalmente cuns puntos de vacinación específicos, que este ano se habilitan unha semana antes. Para o persoal do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario, a vacinación será no Servizo de Medicina Preventiva; e, para o persoal do Hospital Naval e do Novoa Santos, na Unidade de Prevención de Riscos Laborais. A maiores, durante esta semana, establécese un punto de vacinación nos vestiarios do Hospital Arquitecto Marcide, activo na entrada e saída das distintas quendas. Pola súa banda, o persoal de Atención Primaria vacinarase no seu centro de saúde. Para completar, farase unha campaña proactiva de captación dos profesionais polos distintos andares de hospitalización, coa vacinación no mesmo andar, se así o desexan.
 
Rematada esta semana, comenzará a campaña para a poboación xeral, de xeito continuado durante 10 semanas (do 22 de outubro ata o 29 de decembro). Durante a mesma, o persoal que o desexe seguirá a ter vacinas dispoñibles nos puntos fixos de vacinación, tanto nos hospitais do Complexo Universitario, como nos centros de saúde.
 
Importancia da campaña de vacinación
Lembrar que o obxectivo da campaña de vacinación fronte á gripe é minimizar o impacto desta enfermidade na saúde, e diminuír o número e gravidade das complicacións derivadas de padecela. A vacina da gripe, totalmente inocua, ten un importante beneficio en canto que reduce a incidencia desta enfermidade, pero moi especialmente diminúe a frecuencia de complicacións secundarias e, así mesmo, o risco de hospitalización e morte relacionada coa gripe nas persoas maiores, con ou sen condicións médicas de risco, e noutras persoas con patoloxías previas. Producíanse un total de 225 mortes directamente relacionadas coa gripe, o pasado ano en Galicia.
 
Recórdase tamén que o máis axeitado é consultar ó persoal sanitario no centro de saúde; e que existen sistemas de citación habilitados para a administración da vacina. O pasado ano protexeuse fronte á gripe a un total de 28.968 persoas da área sanitaria ferrolá, e realizáronse un total de 2.839 chamadas específicas á persoas susceptibles de recibir a vacina que non a solicitaran no seu centro de saúde.
 
Campaña para a poboación a partir do vindeiro luns 22
A campaña deste ano, que comezará o vindeiro luns 22 de outubro para a poboación, ten como lema Contaxia a túa enerxía e non a gripe. Adquiríronse un total de 608.000 doses para toda Galicia, 48.000 máis que a pasada campaña, e destinou un orzamento que ascendeu a 2.183.220 euros, 226.980 euros máis que no ano 2017. Xunto con esta novidade de que se oferte por primeira vez ó sanitario a oportunidade de se vacinar previamente, outra das novidades da campaña deste ano é a utilización da vacina antigripal tetravalente, que se vai empregar en dous grupos de poboación: nas mulleres embarazadas e nos menores de 15 anos que presenten algunha condición de risco.
 
Ademais desta vacina tetravalente, durante a campaña 2018, empréganse outros dous tipos de vacina. Unha delas é a vacina convencional, que é unha antigripal inactivada de antíxenos de superficie e que pode ser utilizada a partir dos 5 anos de idade. A outra das vacinas empregadas é a de antíxenos de superficie inactivados con adxuvante indicada para as persoas de 75 ou máis anos e para as ingresadas en residencias de 65 ou máis anos xa que esta vacina ten unha maior inmunoxenicidade, para os que xera unha resposta inmune máis potente neste grupo de persoas cun maior risco de complicacións.
A vacinación ofértase gratuitamente para as persoas de 60 ou máis anos, residentes en institucións pechadas de calquera idade, mulleres embarazadas e tamén para aquelas persoas entre 6 meses e 59 anos con factores de risco que os predispoñen a padecer complicacións derivadas da gripe. Ademais, ofértase a persoas que lle poden transmitir a gripe a outras con alto risco de complicacións (entre os que se atopan os traballadores sanitarios) e tamén para persoas que desenvolven servizos esenciais para a comunidade.

 

 A Consellería de Sanidade ten activa tamén unha web temática como o principal portal de información para a sociedade e os profesionais, na que se actualiza toda a información técnica e os datos de evolución da campaña. Así mesmo, tódolos usuarios da aplicación informática VACGAL recibirán os avisos do inicio da campaña. Esta App gratuíta da Consellería de Sanidade activouse en abril deste ano, poñendo a disposición da cidadanía información fiable e personalizada sobre o calendario vacinal por medio dos seus dispositivos móbiles.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss