A Xerencia Integrada de Ferrol actualiza un ano máis cos profesionais o plan de inverno concretando medidas preventivas, de actuación e reforzos de persoal
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
26 10 2018

​A Xerencia de Xestión Integrada de Ferrol está estes días a revisar cos profesionais implicados tódalas cuestións relativas ó plan invernal na área sanitaria, establecendo un plan anual de continxencia fronte ás descompensacións cardiorrespiratorias que se poden derivar dos cadros catarrais ou gripais, durante este período do ano. Estas cuestións concrétanse en medidas preventivas, de actuación e reforzos de persoal. Este plan actualízase e revísase trala análise do sucedido cada inverno, para poder actuar ante unha situación de aumento de demanda por mor de descompensacións e afectación cardiorrespiratoria, e esta mañá quedaba pechado cos profesionais implicados. Neste senso, a Xerencia agradece o traballo dos e das profesionais que permiten mellorar a resposta dos dispositivos da área.

Esta planificación invernal trabállase en base á experiencia dos profesionais dos ámbitos máis implicados neste eido, os profesionais facultativos e de enfermería e dos centros de saúde, o persoal de urxencias e de admisión, e das especialidades como medicina interna, pneumoloxía, microbioloxía, ou medicina preventiva, entre outras. Neste senso, o Plan oriéntase ao fortalecemento de actuacións de valoración preventiva a tódolos niveis asistenciais (centros de saúde e Complexo Hospitalario) dos pacientes de maior complexidade e maior risco (como os pluripatolóxicos ou pacientes fráxiles), así como a habilitación de dispositivos para o seu manexo e control. Establécense tres niveis de actuación: medidas preventivas, medidas de actuación ante o incremento da demanda de hospitalización, e reforzos de persoal.
 
Poder previr enfermidades e situacións
A principal medida preventiva para evitar ás complicacións cardiorrespiratorias activábase esta mesma semana, que é a vacinación fronte á gripe, para facer fronte a un dos axentes das descompensacións. Xa se está a vacinar na trintena de puntos posibles na área sanitaria ferrolá, como medida que amosou a súa efectividade para evitar as mortes e as complicacións que xera en pacientes con patoloxías previas. Outra das cuestións preventivas tratadas é a mellora do control e seguimento dos pacientes diana tanto na atención primaria como na sección de Crónicos de Medicina Interna e outras especialidades. Con isto preténdese unha actuación máis proactiva do sistema sanitario sobre os pacientes máis complexos, anticipando o coñecemento de datos clínicos que puidera estar a indicar descompensacións cardiorrespiratorias nestes pacientes.
 
Ofrécese información ós profesionais dos Puntos de Atención Continuada e centros de saúde sobre os distintos dispositivos para mellorar as derivacións do paciente a aquel lugar que máis o beneficie. Incídese no aumento da dispoñibilidade de dispositivos ambulatorios para o tratamento das persoas que así o necesiten a través do Hospital de Día Médico, Hospitalización a Domicilio, e as consultas de diagnóstico rápido en Medicina Interna.
 
Revisión e adecuación diaria dos recursos
Entre as medidas de actuación destaca a revisión e optimización diaria de tódolos recursos dispoñibles da Xerencia Integrada de Ferrol (adecuación de illamentos, ocupación de camas individuais, ocupación de plantas). Revísase sistematicamente tamén a ocupación dos distintos Servizos como os estudos complementarios de pacientes hospitalizados, e estase en contacto con servizos de alta ocupación relacionada coa patoloxía invernal.
 
Outra das medidas tratadas é a dispoñibilidade de camas que se poderían habilitar se as necesidades o van requirindo; e o equilibrio constante entre a actividade cirúrxica ordinaria e a actividade urxente. Por último, o plan recolle os compromisos de reforzo do persoal cando se requira, como xa se fixo en anos anteriores, tanto con persoal sanitario (facultativo e de enfermaría) como non sanitario (celadores), e en unidades como urxencias e en plantas de hospitalización cando a ocupación hospitalaria así o faga necesario. De feito, contratouse unha media de 40 profesionais ó mes a maiores no pasado período invernal.
 
Esta planificación anual está prevista para afrontar os meses de inverno nos que os pacientes complexos ven as súas patoloxías descompensadas, obrigándolles a acudir ó sistema sanitario. Con esta plan, no que están implicados diferentes ámbitos, procúrase pór a disposición dos e das pacientes os dispositivos que máis lle favorezan. Trátase en todo momento de organizar os recursos e modular a actividade ordinaria e programada coa de urxencia para mellorar a resposta e evitar as consecuencias máis graves da enfermidade.
 
Por último, a Xerencia de Xestión Integrada de Ferrol reitera a importancia de vacinarse contra a gripe, que se oferta ás persoas con maior risco de padecemento da enfermidade e as súas complicacións: persoas de 60 ou máis anos e persoas menores desa idade pertencentes aos grupos de risco. Vacinarse fronte a gripe é a mellor forma para protexerse fronte esta enfermidade e evitar as complicacións asociadas á mesma. A Xerencia lembra que na área ferrolá hai ó redor dunha trintena de puntos de vacinación e que aínda hai tempo para realizar este acto preventivo aconsellable, xa que a campaña remata o 28 de decembro. 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss