A III XORNADA DE ASISTENCIA SANITARIA INTEGRADA ABORDA AS INTERACCIÓNS ENTRE ASMA E ALERXIA E REFLEXIONA SOBRE O TRABALLO EN EQUIPO NOS PROCESOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
07 11 2018

Profesionais da área sanitaria ferrolá de distintos ámbitos asistenciais reúnense na tarde de mañá xoves, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide, na cita anual dedicada á atención integrada na área. A  III Xornada de Asistencia Sanitaria Integrada aborda a coordinación dos e das profesionais de diversos niveis asistencias, centros de saúde, Puntos de Atención Continuada e hospital no ámbito da asma e a alerxia. Ademais, os case un centenar de profesionais reunidos no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol teñen como obxectivo actualizar e pór en común temas de interese para profesionais de ámbolos dous ámbitos, o hospitalario e o do centro de saúde, xa que “todos forman parte dun mesmo proceso de atención”.
Dende a Dirección de Procesos de Soporte e de Procesos sen Ingreso e Urxencias da Xerencia ferrolá, que coordinan esta xornada indican que se trata de que “o coñecemento do traballo de todos ofrece unha oportunidade para mellorar os resultados da cadea de persoas que participa no tratamento do paciente”. Os obxectivos deste encontro son, segundo especifican, mellorar o proceso de asistencia do paciente no seu entorno, tendo en conta os novos condicionantes sociais e o aumento de persoas con patoloxías crónicas e pluripatoloxías.
Xunto con isto, actualizar coñecementos relacionados coa atención do paciente alérxico poñendo enriba da mesa a súa interacción cos procesos de asma, e realizando un repaso dinámico ó diagnóstico e ó tratamento nas distintas fases da enfermidade. Dedícase especial atención nesta cita anual a afondar na necesidade de engadir en tódolos procesos asistenciais a atención personalizada e humana, subliñando os conceptos de comunicación e humanización da transmisión de información, tanto co paciente como cos propios profesionais.
Actualizar temas e posta en común
Incídese así en que se trata de actualizar temas de interese creando un espazo común onde se facilite a comunicación entre os profesionais, e unha posta en común tamén da traxectoria asistencial do paciente a través dos distintos dispositivos de atención para mellorar, implementar novidades e coordinar o trazado do proceso de atencións. “O éxito da atención ó paciente depende tanto do traballo individual de cada un dos profesionais como da eficacia e interacción entre eles”, de aí a relevancia que se lle dá a esta xornada de integración.
A primeira das sesións da tarde, Universo Clínico en respiratorio. Interaccións e controversia entre asma e alerxia, reúne a dúas facultativas especialistas en Alergoloxía e Pneumoloxía do área, Mónica Castro Murga e Carmen Diego Roza; e dúas enfermeiras das consultas de ámbalas dúas especialidades, a de Alerxias, Sandra Miguelez Álvarez, e a de Pneumoloxía, Begoña Mouriño Sebio.
Á reflexión Estamos preparados os profesionais para traballar en equipo dentro dun mesmo proceso? Imos pola integración? dedícase a segunda parte da tarde, coa participación de profesionais de tódolos ámbitos, o especialista en Medicina Interna da sección de Crónicos, Ramón Jorge Sánchez e a enfermeira deste ámbito, Gloria Bouzas Cernada. Os especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria de centro de saúde, Portal González Lorenzo, e de Punto de Atención Continuada, Pablo Pérez Hermida; o enfermeiro e a enfermeira interna residente, César Castro Pita e Andrea Ruibal Peña; a farmacéutica hospitalaria, Iria Rodríguez Legazpi; a traballadora social, María Carmen de Pazos Liaño; e o médico de Urxencias, Bruno Rodríguez González.
Remata a xornada cunha charla que remarca o valor do trato ó paciente con calidade humana e comunicación achegada, ámbolos dous aspectos fundamentais para garantir os coidados axeitados. Correrá a cargo de María Dolores Navarro Rubio, doutora en Medicina e Cirurxía, directora do departamento de Experiencia do Paciente do Hospital Sant Joan de Deu de Barcelona.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss