Almuiña destaca que o novo plan de trastornos adictivos de Galicia incorporará a perspectiva de xénero
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
07 11 2018

​O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou hoxe no Parlamento que o novo Plan de trastornos adictivos de Galicia incorporará a perspectiva de xénero, de xeito coherente co que a estratexia nacional de adiccións indica. Neste senso, o novo documento no que está a traballar o departamento autonómico sanitario prevé atender aos patróns de consumo máis frecuentes e introducir medidas para proporcionar coidados efectivos ás mulleres vítimas de violencia machista e intervencións preventivas.

Durante a súa intervención, Almuiña ratificou o compromiso da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde coa atención ás persoas con trastornos relacionados co uso de substancias. Neste senso, o conselleiro lembrou que o orzamento executado en Galicia no ámbito das adiccións neste 2018 superou os 12,3 millóns de euros, incrementándose nun 5% respecto ao 2017 o orzamento para os programas a desenvolver en comunidades terapéuticas, e nun 3% para os programas desenvolvidos por entidades sen ánimo de lucro nos ámbitos de asistencia ambulatoria, incorporación social, programas xurídicos penais e prevención de recaídas en alcoholismo e ludopatías.
 
O conselleiro tamén subliñou que para a atención ás adicións en Galicia, a Consellería de Sanidade conta cun catálogo de programas asistenciais que definen os tratamentos, programas e protocolos que regulan a asistencia nos centros conveniados. Dentro do devandito catálogo inclúese un programa específico para as mulleres xestantes.
 
E, co obxecto de ofrecer unha prestación sanitaria equitativa, de calidade e eficiente, mellorando a coordinación entre os centros de drogodependencias, saúde mental e atención primaria, a Consellería  dispón do Circuíto de asistencia sanitaria aos trastornos adictivos. Este documento recomenda que as persoas con trastornos adictivos que solicitan tratamento sexan atendidas inicialmente nos servizos de Atención Primaria, que os derivarán, en caso necesario, ás Unidades de condutas adictivas ou aos servizos de saúde mental, segundo o problema que presente cada paciente. “Todo elo sen prexuízo da prestación de asistencia a pacientes que acceden directamente ás unidades, como ocorre habitualmente con usuarios de drogas ilícitas”, aseverou Almuiña.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss