Un total de 608 solicitudes resultan admitidas no concurso público para a adxudicación das 41 novas oficinas de farmacia
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
08 11 2018
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, o acordo da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade polo que se fai pública a lista definitiva das persoas admitidas e excluídas no concurso público para a adxudicación das 41 novas oficinas de farmacia recollidas no decreto 127/2017 do mapa farmacéutico de Galicia. En total, resultaron admitidas 608 solicitudes.
 
Os aspirantes admitidos teñen 10 días de prazo, contados dende mañá e ata o vindeiro 22 de novembro, para presentar os documentos acreditativos dos méritos alegados. Aquelas persoas que xa tivesen presentado a documentación con anterioridade, e polo tanto, fóra do prazo regulamentariamente establecido, están obrigadas a presentala novamente.
 
O baremo de méritos para a adxudicación de novas oficinas de farmacia é froito da reforma do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, peche e transmisión de oficinas de farmacia. Un dos obxectivos desta reforma é o de garantir uns criterios obxectivos de selección para que o perfil dos adxudicatarios finais sexa acorde á experiencia necesaria para o desempeño profesional na titularidade dunha oficina de farmacia. De aí que nesta nova baremación a experiencia profesional pase a constituír o criterio de maior peso a efectos de valoración, pasando dun máximo de 30 (conforme co baremo anterior) a un máximo de 60 puntos.
 
O baremo está integrado por sete epígrafes relativos a méritos académicos; experiencia profesional; a formación complementaria; publicacións; coñecemento do idioma galego; e fomento e a creación de emprego.
 
A posterior adxudicación das novas oficinas de farmacia seguirá un procedemento moito máis áxil que os anteriores. Iniciarase coa convocatoria a un acto público único coas debidas garantías o que están chamados a concorrer todos os participantes admitidos, e no que cada un deles presentarase a todas as oficinas convocadas. Deste xeito, redúcese o tempo de elección ao propio día do acto. O procedemento polo que se rexeu o último concurso podía prolongarse durante meses, xa que cada solicitante tiña que pedir as prazas que quería e despois adxudicábanse cunha tramitación moi laboriosa.
 
A lista, coa relación de admitidos e excluídos, así como a información aclaratoria para a presentación da documentación requerida pode ser consultadas na páxina web da Consellería de Sanidade dende hoxe mesmo.
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss