O Sergas oferta un total de 241 prazas de médico de familia nas oposicións que se celebran esta fin de semana en Silleda
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
22 11 2018

O Recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda (Pontevedra), acolle esta fin de semana, días 24 e 25, os exercicios  da fase de oposición dos procesos selectivos convocados por Resolución do 1 de marzo de 2018 para o ingreso nas categorías de médico de familia, grupo técnico da función administrativa, grupo de xestión da función administrativa, enxeñeiro técnico e técnico superior en documentación sanitaria.

Ofértanse neste proceso un total de 286 prazas, das cales 241 pertencen á categoría de médico de familia, 18 ao grupo de xestión da función administrativa, 11 a técnico superior en documentación sanitaria, 9 a grupo técnico da función administrativa e 7 corresponden a enxeñeiro técnico.
 
En total resultaron admitidos 2.557 aspirantes, dos cales 1.010 corresponden á categoría de médico de familia, 277 á de grupo técnico da función administrativa, 774 á de grupo de xestión da función administrativa, 227 a enxeñeiro técnico e 269 optarán ás prazas de técnico superior en documentación sanitaria.
 
Maior seguridade no proceso
Iniciaranse as xornadas de exame cos aspirantes da categoría de grupo de xestión da función administrativa, convocados para o sábado 24 de novembro, ás 9,30 horas e continuarán o domingo 25 de novembro cos aspirantes das categorías de médico de familia e enxeñeiro/técnico, convocados ás 9,30 horas e grupo técnico da función administrativa e técnico superior en documentación sanitaria, que se examinarán nesta mesma data, a partir das 16 horas.
Na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) recóllese a información das distintas portas de acceso ao recinto e a relación de aspirantes comprendidos en cada unha delas.
 
Este proceso selectivo incorpora importantes novidades tendentes a dotar dunha maior seguridade ao proceso nas súas diversas fases, entre as que cómpre destacar a posta a disposición dos tribunais de selección dunha plataforma securizada para a elaboración de cada un dos exercicios da fase de oposición, garantindo deste xeito o seguimento de todo o proceso, así como a selección aleatoria e automatizada das preguntas do exame.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss