MÁIS DE 150 CIRURXIÁNS DE GALICIA ESTÁN EN FERROL NA LXII REUNIÓN DA SOCIEDADE DE CIRURXÍA DE GALICIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
23 11 2018

 Máis de 150 persoas relacionadas coa cirurxía estanse a reunir estes días, 22, 23 e 24 en Ferrol, na LXII Reunión da Sociedade de Cirurxía de Galicia. O encontro comezaba xa onte cunha novidade, todo un día dedicado ós futuros cirurxiáns, na I Reunión de Residentes e Titores de Cirurxía de Galicia. Pola mañá, nas Aulas de Simulación ó redor de 30 residentes de toda Galicia participaron en sete talleres, dende soporte vital, ata técnicas cirúrxicas en feridas e práctica de técnicas invasivas, e ecografía. Como indica o presidente do Comité Organizador, Ramón López de los Reyes, “fomos dos primeiros Complexos en establecer aulas de simulación para formación e reciclaxe, e dámoslle moito peso nelas á formación cirúrxica. De feito, introduciuse a simulación cirúrxica na formación dos residentes de xeito regrado”, explican. No Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, estanse a formar na actualidade 5 médicos Internos residentes (MIR) de cirurxía.
 

Pola tarde, nas sesión teórica, abordaron o presente e o futuro da formación MIR, as perspectivas dos residentes de último ano, e os motivos para a elección da especialidade; e contaron coa presencia do presidente da sección de Formación da Asociación Española de Cirurxiáns, José Antonio Alcázar Montero, que traballou durante anos nesta área sanitaria. No marco da reunión galega, tamén tivo o seu espazo un videoforum do Grupo galego de Coloproctoloxía, no que participaron os 8 centros hospitalarios que contan con residente desta especialidade. Por parte do Complexo ferrolá participou a residente Natalia Suárez Pazos co tema Abceso perianal, abordaxe cirúrxico nas urxencias.
 

Cirurxías en directo
No marco xeral desta reunión vense 13 comunicacións orais, 23 tipo póster e 13 vídeos. A implicación dos e das profesionais da área sanitaria ferrolá neste encontro galego, reflíctese en que participan directa ou indirectamente nas distintas mesas e conferencias, comunicacións e vídeos; e moitas das reunións de traballo realízanse nos espazos do Complexo. De feito, nesta mañá do venres, os asistentes a esta reunión anual da especialidade xuntábanse no salón de actos para ver en directo dúas cirurxías que se estaban a producir nos quirófanos do Complexo, unha Colpopexia Laparoscópica para prolapsos rectais e unha cirurxía na enfermidade de Crohn. É a primiera vez que s efai esta formato en vivo nesta especialidade. Nas cirurxías participan profesionais de fóra de Galicia xunto cos profesionais ferrolás (Yago Basanta Calderón, Berta Pérez Martín, e Natalia Suárez Pazos), contando cos especialistas do Hospital Sao Sebastiao, Santa María da Feira en Portugal, Joaquim Costa Pereira; e do Hospital Universitario Joan XXIII de Tarragona, Mónica Millán Scheiding. Nesta última cirurxía participa tamén o cirurxián do Hospital Universitario de Elche, Luis Sánchez Guillén, que se formou no Complexo Hospitalario Universitario ferrolá.
 

Enfermidade Inflamatoria Intestinal e metástases hepáticas
Xa pola tarde, os asistentes continuarán a súa xuntanza anual no espazo da Fundación Abanca, na praza da Constitución, en Ferrol; e os temas protagonistas de dúas mesas serán a Sesión de Consenso da Enfermidade Inflamatoria Crónica Intestinal a e as metástases hepáticas. A enfermidade inflamatoria intestinal é unha patoloxía frecuente e na que o Complexo Hospitalario Universitario conta cunha Unidade na que, destacan dende a organización “existe un importante traballo multidisciplinar, unha colaboración estreita que fai que se distinga, e sexa referencia a nivel nacional”. Ademais, os especialistas en Cirurxía, falarán dos novos avances, reservorios, e novidades en radioloxía para esta enfermidade e no manexo innovador da fístula perianal, e o uso de células nai. Continuarán coas alternativas e técnicas que existen no manexo das metástases hepáticas, as alternativas non cirúrxicas e as complicacións, entre outras cuestións.
 

Cirurxía de mama e Parede abdominal
A LXII Reunión da Sociedade de Cirurxía de Galicia prolongarase tamén o sábado, no espazo de Afundación ferrolá. As dúas mesas que centran o traballo son as Controversias na Cirurxía de Mama e unha sesión dedicada á parede abdominal. No que se refire á mama, falarán sobre as lesións premalignas, as actuais probas xénicas, a valoración do risco (do que falará a oncóloga do CHUAC, Begoña Graña Suárez, oncóloga do CHUF durante moitos anos), e a reconstrución mamaria protésica e a radioterapia, que abordará a especialista de cirurxía do Complexo ferrolá, Eulalia Vives Rodríguez. Neste ámbito, destacan que a reconstrución mamaria está completamente integrada no ámbito cirúrxico do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, xa que se fan tódalas técnicas reconstrutivas dispoñibles no ámbito da Cirurxía Xeral.
 

Profilaxe, técnicas de separación e terapias de presión negativa son o eixe da sesión de parede abdominal que pechará esta reunión galega mañá sábado, na que ademais de profesionais de Galicia contarase coa experta do Hospital Universitario de Alcorcón, Pilar Hernández-Granados, presidenta da sección de parede da Asociación Española de Cirurxiáns que falará da Profilaxe na hernia laparotómica e técnicas de peche.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss