O grupo de xestión da función administrativa da comezo ás oposicións do Sergas
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
24 11 2018

​Durante hoxe e maña celebraranse no Recinto da Feira Internacional de Galicia (Silleda-Pontevedra) os exames do concurso oposición  correspondentes á convocatoria do ano 2018 para o acceso ás categorías de médico de familia de atención primaria, grupo técnico da función administrativa, grupo de xestión da función administrativa, enxeñeiro técnico e técnico superior en documentación sanitaria. Durante a xornada de hoxe están a examinarse os aspirantes da categoría de grupo de xestión da función administrativa. A participación para esta categoría foi do 60,08% (774 admitidos e 465 presentados).

Do total de prazas convocadas resérvase unha porcentaxe do 50% para a súa provisión polo sistema de promoción interna por profesionais con vínculo fixo noutra categoría no Servizo Galego de Saúde, así como a cota de reserva prevista legalmente para o acceso por persoas con discapacidade.
 
O número total de aspirantes admitidos para a realización das probas selectivas é de 2.557, dos cales, 1.010 corresponden á categoría de médico de familia, 277 á de grupo técnico da función administrativa, 774 á de grupo de xestión da función administrativa, 227 a enxeñeiro técnico e 269 optarán a técnico superior en documentación sanitaria.
 
Ofértanse neste proceso un total de 286 prazas, das cales 241 pertencen á categoría de médico de familia, 18 ao grupo de xestión da función administrativa, 11 a técnico superior en documentación sanitaria, 9 a grupo técnico da función administrativa e 7 corresponden a enxeñeiro técnico. O 53,34% dos admitidos teñen actualmente vínculo activo co Servizo Galego de Saúde.
 
Cómpre destacar como datos de interese que o 3,17% dos aspirantes proveñen de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, o 41,93% teñen menos de 40 anos e o 68,36% do total son mulleres.
 
O día 25, realizaranse, na quenda de maña, os exames das categorías de médico de familia de atención primaria e enxeñeiro técnico. En quenda de tarde examinaranse os  aspirantes das categorías de grupo técnico da función administrativa e técnico superior en documentación sanitaria.
 
Desenvolvemento das probas selectivas
As probas selectivas comprenden tres exames tipo test. Un de lexislación xeral, do que quedan exentos os aspirantes admitidos pola quenda de promoción interna; outro da parte específica relacionado cos coñecementos e funcións propias da categoría, e un terceiro acreditativo do coñecemento da lingua galega, do que quedan exentos aqueles aspirantes que acrediten estar en posesión do Celga requirido na convocatoria ou equivalente.
 
No marco das previsións da normativa de igualdade efectiva de mulleres e homes, facilitarase a execución material das probas ás opositoras xestantes que o soliciten previamente, mediante o desprazamento dunha delegación do respectivo tribunal aos centros sanitarios onde figuren ingresadas así como o exercicio da lactación natural por aquelas aspirantes que o soliciten, habilitándose no recinto unha sala específica ao efecto.
 
Así mesmo practicaranse varias adaptacións de tempo e medios para a realización dos exercicios co obxecto de garantir que todas as persoas aspirantes concorran ao proceso en condicións de igualdade.
 
Transparencia e seguridade no proceso
Este proceso selectivo incorpora varias medidas de seguridade, incluídas tamén nos últimos procesos, tendentes a dotalos dunha maior seguridade nas súas diversas fases, entre as que cómpre destacar, a posta a disposición dos tribunais de selección dunha plataforma securizada en entorno web con acceso mediante certificación dixital.
 
Isto permite o seguimento de todo o proceso, confidencialidade na elaboración das preguntas, selección dos exames aleatoria e automatizada sobre unha batería de preguntas, imposibilidade de xerar ningún documento electrónico ata a data de impresión e impresión e custodia dos exames en sala securizada.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss