PREMIAN A PSICÓLOGOS CLÍNICOS DO CHUF POR UN TRABALLO SOBRE TERAPIA DE GRUPO EN ADOLESCENTES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
28 11 2018

A comunicación tipo póster Unha experiencia práctica: terapia de grupo de adolescentes, unha intervención integradora, dos psicólogos internos residentes do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol,  Paula Marcos Carregal; Esther López Morcillo; Enma López Cerdido e Eduardo Martínez Lamosa, acadou o primeiro premio no marco das XXIII Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, que se celebraban esta fin de semana en Carballiño. Nesta intervención describen a súa primeira experiencia coa intervención grupal con adolescentes, e valoran os resultados trala análise da mesma.
Estes profesionais partían da base de que os trastornos depresivos e a ansiedade na poboación adolescente pode xerar un grande impacto no seu desenvolvemento psicolóxico, nas súas relacións sociais, e no seu rendemento académico; ou incrementar o risco de suicidios e de condutas de abuso ou dependencia de substancias. Os autores consideran novos métodos de traballo, e establecen que “as terapias de grupo permiten dar unha resposta asistencial cunha frecuencia axeitada, posibilitan a interacción entre os seus participantes, e ofrecen un rico contexto de aprendizaxe”, explican no seu traballo.
Terapia grupal, ferramenta útil
Na Unidade de Saúde Mental do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, desenvolveron unha terapia de grupo de natureza transdiagnóstica (con pacientes con diagnósticos e síntomas diferentes) e integradora co obxectivo de diminuír os problemas internalizantes, como a ansiedade, a depresión ou as somatizacións. Considéranse trastornos internalizantes aqueles pertencentes á persoa e á súa forma de se expresar, como a ansiedade, a depresión, o estado de ánimo moi baixo; a excesiva preocupación polos demais, ou a falta de confianza en si mesmos, entre outras.
Así, estableceron oito sesións de frecuencia semanal con adolescentes de entre 16 e 18 anos que tiveran esas síntomas internalizantes. O contido destas sesións incluíu unha serie de conceptos fundamentais, comúns e específicos deste grupo de pacientes como o autoconcepto, o afecto negativo, as distorsións cognitivas, o rol social, os proxectos vitais, as relacións familiares, a mentalización e a resolución de conflitos.
Estes profesionais conclúen, trala avaliación, que esta primeira experiencia ten xerado un alto nivel de satisfacción e unha boa alianza entre eles e tamén cos profesionais. A terapia grupal tivo efectos sobre a dimensión de illamento e sobre as alteracións do pensamento. Tamén se ten amosado útil, explican, para actuar sobre outras variables que lles levan a estilos de afrontamento máis funcionais como por exemplo a busca de apoio social, concentrarse na resolución, a busca de axuda profesional ou de diversións relaxantes. Xunto con isto, reducen outros estilos máis disfuncionais como a reserva para si. “Ten cambiado o estilo de afrontar os problemas dun xeito máis adaptativo e foron quen de expresar máis e mellor, adquirindo estratexias de regulación emocional adecuadas, diminuíndo a sensación de malestar percibido na súa vida cotiá”, explica unha das autoras, Paula Marcos.
“A mostra é que só unha das persoas que acudiu á terapia volveu á consulta. Esta fórmula axúdalles a normalizar máis a súa vida, e acceder de xeito temperá a estes problemas evitando unha cronificación”, afondan. Os propios profesionais consideran que estes resultados débense tomar con cautela, pero qua as intervencións grupais, axeitadamente deseñadas e planificadas para abordar as dificultades específicas dos pacientes, poden ser unha ferramenta útil no tratamento e prevención da psicopatoloxía dende as Unidades de Saúde Mental. Estas valoracións dos profesionais da área sanitaria ferrolá prémianse a nivel galego. As e o residente galardoados quixeron agradecer a coordinación e supervisión da psicóloga adxunta á Unidade de Saúde Mental emprazada no Complexo, Rosa Cerqueiro Landín, que fixo posible o desenvolvemento do traballo.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss