PROFESIONAIS DA XERENCIA INTEGRADA DE FERROL PARTICIPAN MOI ACTIVAMENTE NO XII SIMPOSIO NACIONAL SOBRE ÚLCERAS POR PRESIÓN E FERIDAS CRÓNICAS EN VALENCIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
29 11 2018

Profesionais da Xerencia Integrada de Ferrol participaron activamente no XII Simposio Nacional sobre Úlceras por Presión e Feridas Crónicas, que se está a celebrar entre os días 28 e 30 deste mes en Valencia. A Enfermaría da área sanitaria ferrolá, participa en Mesas de Debate sobre a investigación enfermeira e sobre os concursos de materiais de prevención e tratamento das feridas; no Simposio Oficial e en Sesións Temáticas sobre a comunicación e difusión dos traballos relacionados coas feridas; e, tamén, interveñen con Comunicacións relacionadas coa innovación e a neurociencia, e coa avaliación de guías prácticas de feridas do Servizo Galego de Saúde.
 

En canto á mesa Investigación enfermeira, políticas públicas de saúde e coidados das feridas, destacan que entre as estratexias para mellorar e promover a saúde “cobra especial atención a prevención e o manexo asistencial do deterioro da integridade cutánea, áreas onde a investigación é vital”. Neste senso, os asistentes no encontro nacional avogan, aínda que xa hai iniciativas efectivas nalgunhas comunidades, por unha estratexia común e conxunta. No que se refire á Mesa de Debate de Concurso de materias de prevención e tratamento das feridas, parten da base de que os produtos de cura en ambiente húmido que se empregan para as feridas son o principal determinante do custe de atención das feridas, xunto co tempo da enfermaría e o incremento de estancias hospitalarias que se atribúen a estas lesións. Neste foro nacional, suman ó reto de contar cos mellores produtos, o reto de que se faga un uso racional dos mesmos, diminuíndo a variabilidade clínica, e instruíndo no emprego racional dos produtos e apósitos especiais.
 

Neste senso, lembrar, que, no marco do programa Integral Úlceras Fóra do Servizo Galego Saúde, na área sanitaria ferrolá iniciouse a Consulta de Asesoramento en Cura en Ambiente Húmido, xa no ano 2011, que revisa as solicitudes de produtos relacionados coa cura de feridas crónicas e úlceras, e a súa correlación cos datos clínicos do paciente. O obxectivo é orientar ós profesionais na uniformidade e implementación das sistemáticas de actuación e decisión clínica neste eido das feridas e úlceras; e tense a prevención das lesións como fin principal. Procúrase igualmente o emprego dos produtos coa máxima optimización; e a mellora dos rexistros clínicos desas actividades. A enfermaría ferrolá participou activamente dende o inicio nos programas galegos relacionados coas úlceras.
 

Información e canles de comunicación sobre feridas
Os profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol tamén participan no simposio nacional Como se converter en influencers das feridas e non morrer no intento, no que debaten sobre os influencers: “aqueles profesionais considerados referentes, por coñecementos e credibilidade, nunha área de coñecemento ou rama concreta, e que, a través da súa presenza nas redes sociais, multiplica a súa influencia”. Pero, moitas veces, nestes ámbitos, búscase un rédito económico ou social e non científico. Nese senso, destacan que “a principal característica dun profesional para que poida ser considerado polos demais como influencer sería manter unha liña de actuación e publicación con opinións baseadas en eficiencias científicas e nos principios bioéticos básicos”. 
 

Xunto con isto, as sesións temáticas nas que participa tamén a enfermaría ferrolá son as relativas a como transformar unha comunicación en artigo científico; e no potencial das redes sociais, en concreto Facebook, que “non pasou desapercibido a numerosos profesionais e expertos no deterioro da integridade cutánea e das feridas e crearon grupos e redes para a difusión da información, discusión e consulta de casos entre profesionais”. Pero, neste foro nacional, alertaron sobre o emprego simplista das mesmas, xa que o principal problema deste tipo de informacións radica en que poden xerar confusión se non se tratan axeitadamente.
 

Guías clínicas, innovación e neurociencia
Por outra banda, participaron tamén en dúas comunicacións, unha delas sobre a Avaliación das colección de guías prácticas de feridas do Servizo Galego de Saúde. Actualmente, o proceso na abordaxe da integridade cutánea ten ido evolucionando cara unha maior incorporación do coñecemento científico, e maior capacidade avaliadora e transparencia; máis tamén existe unha enorme proliferación de guías de diferente calidade metodolóxica. Neste traballo, mediuse a calidade cun instrumento de medición obxectivo de medición ó respecto (AGREE II-GRS). Avaliáronse as sete Guías Básicas de Boa Práctica relacionadas coas feridas que existen en Galicia (para úlceras por presión, úlceras de extremidade inferior, pé diabético, lesións cutáneas neoplásicas, lesións por queimadura, lesións cutáneas asociadas á humidade e para ferida cirúrxica aguda). Constataron que “a colección de guías son válidas para a consulta e implementación na práctica clínica no coidado as lesións”.
 

Por último, a outra comunicación, sobre Innovación e neurociencia aplicada en produtos para o coidado das feridas, tiña como obxectivo identificar os avances relacionados coa innovación tecnolóxica, a seguridade e as técnicas neurocientíficas aplicadas ó envasado e distribución dos produtos de cura de ambiente húmido. Os profesionais da área sanitaria ferrolá, trala revisión de diferentes produtos e fabricantes, constataron que o desenvolvemento da innovación tecnolóxica dáse no envasado e no empaquetado dos produtos, pero, sobre todo, na aplicación de técnicas de neuromarketing a través da serigrafía, cun envoltorio máis interactivo e con instrucións sinxelas e visuais. Observan que existen no mercado propostas innovadoras de empaquetado e etiquetado que combina a idea de transmitir información e formación, aspectos que, consecuentemente, poden condicionar a elección dese produtos por parte dos profesionais, ademais de repercutir nunha maior precisión clínica.
 

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss