A UNIDADE DE ENFERMIDADE INFLAMATORIA INTESTINAL DE DIXESTIVO DO CHUF É A PRIMEIRA UNIDADE GALEGA CERTIFICADA A NIVEL NACIONAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
30 11 2018

A Unidade de Enfermidade Inflamatoria Intestinal de Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol recibe a certificación de calidade por parte do Grupo Español de Traballo en Enfermidade de Crohn e Colite Ulcerosa (Geteccu), no marco do seu programa de Certificación de Unidades de Atención Integral de Enfermidade Inflamatoria Intestinal. A Unidade do Complexo ferrolá é a primeira unidade de Galicia en se certificar e, ademais, co maior grao de excelencia. Son un total de 17 unidades certificadas en todo o territorio. Para a consecución desta certificación Buerau Veritas realiza unha auditoría na que se fai unha baremación de máis de 50 indicadores de procesos e resultados.
A presidenta de Geteccu, Pilar Nos Mateu, entregaba esta mañá a certificación á especialista en Dixestivo e responsable da Unidade Ana Echarri Piúdo, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide, acto no que estiveron presentes o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña; o responsable da Xerencia Integrada de Ferrol, Ángel Facio Villanueva; o xefe de Dixestivo, Javier Castro Alvariño; o director de Galicia Bureu Veritas, César Pacios González; e o vicepresidente da Asociación de Crohn e Colite Ulcerosa (ACCU) de A Coruña e presidente da Federación Galega de ACUUs, José María Lapido Boullón. No salón de actos, estaban tamén os compañeiros e compañeiras de Dixestivo, e os profesionais doutras especialidades colaboradores coa Unidade.
Precisamente un dos aspectos destacados para recibir esta certificación é o carácter interdisciplinar da Unidade, que conta cun Comité dende o ano 2013, onde se consensúan os distintos casos. Como indican nas conclusións da certificación, os puntos fortes son que “é unha unidade innovadora que está constantemente desenvolvendo novos proxectos que poidan cubrir as necesidades detectadas nos pacientes; alto enfoque de mellora continua; implicación dos profesionais e enfoque cara á excelencia; circuítos claramente identificados e operativos; e que conta cun comité interdisciplinar que inclúe a presenza de anatomía patolóxica”. Algúns dos aspectos que se valoran, por exemplo, é que conte con enfermaría propia; a relación con distintos departamentos doutras especialidades, como Radioloxía, Cirurxía, Urxencias ou os centros de saúde; que desenvolva actividades investigadora e formativa propias; e a accesibilidade. Como xa se dixo en moitas ocasións ó facer referencia a esta Unidade, os pacientes contan con ferramentas de atención directa no ámbito externo á propia consulta.
Durante este acto, o conselleiro de Sanidade afirmou sentirse “orgulloso polos grandes profesionais que temos”; agradeceu o traballo que hai detrás de esta certificación, e subliñou “o valor de achegamento e de comunicación cos pacientes da Unidade ferrolá”. O xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol destacou que “se premia o traballo do día a día”, e que ese traballo sexa “multidisciplinar e en equipo”. O responsable do Servizo de Dixestivo afirmou que “existen poucas oportunidades para alcanzar o nivel de excelencia, e máis difícil o poder acreditar esa excelencia; debemos estar orgullosos dun hospital como o noso, cada vez mellor, e que sexa unha unidade nosa a primeira en se certificar”.
O responsable de Bureu Veritas, pola súa banda, aludiu “ó nivel de excelencia acadado, o máis alto que se pode conseguir e que amosa un compromiso coa calidade en maiúsculas”. Por último, o presidente da Federación Galega de ACCUs describiu a evolución da asistencia ata chegar a esta unidade integrada e subliñou o importante que é para os pacientes que se ofreza ese tipo de atención”. A presidenta de Geteccu, durante a entrega, afirmou que “é unha proeza conseguir esa puntuación. É unha Unidade modélica e ten sido pioneira en moitas cousas. Esta certificación é merecedísima”. Por último, a responsable da Unidade daba un perfil da traxectoria dende a creación ata a actualidade e daba conta de tódalas persoas que tiveron unha implicación directa o indirecta na consecución desta certificación.
Unidade de Enfermidade Inflamatoria Intestinal
A Enfermidade Inflamatoria Intestinal é unha enfermidade de etioloxía autoinmune do aparato dixestivo, que integra principalmente a enfermidade de Crohn e a Colite Ulcerosa, e que poden afectar a calquera parte do tracto dixestivo con un amplo potencial de complicacións ó longo do seu curso. Esta patoloxía pode afectar a persoas dende moi novas, e as converte en enfermos crónicos que teñen que acudir en diversas ocasións ós centros sanitarios. E, ademais, pode ter manifestacións extraintestinais, como problemas de pel ou articulares, entre outras moitas, o que implica unha necesaria interrelación con outras especialidade médicas e cirúrxicas.
A base da Unidade foi a creación, no ano 2000, dunha primeira consulta monográfica de atención especializada na que se foron integrando tódolos pacientes con esta enfermidade da área. Actualmente, contrólanse uns 1.200 pacientes. Os profesionais da consulta, médicos e enfermeiras, fóronse especializando, integrouse a endoscopia, e se foi instaurando a consulta telefónica, constituíndose, no ano 2007, a Unidade de Atención Integral. No ano 2009, comezan a colaborar distintas especialidades, inicialmente con Radioloxía, o que permitiu incorporar probas de grande valor para o manexo destes pacientes. Posteriormente, comezaron a colaborar especialistas de cirurxía, pediatría e anatomía patolóxica. No ano 2013, como xa se dixo, fórmase o Comité de con reunións periódicos dos distintos profesionais para a decisión consensuada da mellor estratexia médico cirúrxica.
A actual Unidade Multidisciplinar abrangue de xeito integral todo o proceso relacionado con esta enfermidade, dende o diagnóstico, ó tratamento e seguimento da enfermidade. Ofrece unha atención individualizada, especializada e accesible, completando a atención sanitaria tradicional cun sistema diferenciado de xestión, que evitou complicacións e ingresos. No día a día traballan tres especialistas en Dixestivo  especialista Ana Echarri, Virginia Ollero, e Gema Mollina, e a enfermeira, María Morete, pero a interacción cos compañeiros tanto de Dixestivo como doutras especialidades, é ampla, como indicaba a responsable da Unidade, Ana Echarri, esta mañá.
Recoñecemento a unha traxectoria
Esta Unidade ten sido recoñecida en numerosas ocasións ó longo da súa traxectoria. O máis recente foi o galardón nacional, no pasado 2017, ó proxecto para o desenvolvemento dunha ferramenta interactiva que facilite o desenvolvemento do autocontrol, e incremente a adherencia ó tratamento e o coñecemento da Enfermidade Inflamatoria Intestinal entre os máis novos, nenos e adolescentes, Pandora. Este proxecto fora escollido entre 410 proxectos a nivel nacional, no marco das axudas á investigación Ignacio Larramendi de Mapfre. Este galardón permite o desenvolvemento futuro desta nova ferramenta educativa en forma de videoxogos para os pacientes máis novos, no espazo de Educainflamatoria.com.
Educainflamatoria.com é unha plataforma creada en 2013, única no seu momento,  elaborada polos profesionais desta Unidade de Inflamatoria de Dixestivo. Activábase despois de que a Unidade se fixera co primeiro premio Hinnovar a nivel nacional, proxecto escollido entre os vinte proxectos finalistas innovadores de aplicación no ámbito hospitalario a nivel nacional. Nela, cólgase información avalada polos distintos especialistas e pola propia Unidade sobre todo o relacionado con esta patoloxía, información xenérica sobre a enfermidade, os tipos que poden existir, os factores, os signos e as síntomas. Conta tamén con información relativa a cada aspecto da enfermidade, realizada en colaboración cos especialistas implicados.
Esta espazo libre foi premiado en diferentes ocasións; e, actualmente, está integrado en 40 unidades especialidades sobre esta enfermidade de diferentes hospitais en territorio nacional. Educainflamatoria.com recolle xa na actualidade instrumentos educativos con máis de 250 entradas temáticas relacionadas; ferramentas de tele-entrenamento, como o programa Telecumple sobre a adherencia ó tratamento; e cun soporte de aplicación móbil. Este espazo permite a interacción cos especialistas, participar nun foro de pacientes, e acceder a unha conta propia de Twiter.
Este espazo é o portal de información para o paciente galego, a través da plataforma É-Saúde, e dende o 2016, materializouse a incorporación por Gettecu (Grupo Español de Traballo en Enfermidade de Crohn e Colite Ulcerosa) de Educainflamatoria.com para axudar ó paciente coa enfermidade inflamatoria intestinal na súa formación con respecto desta enfermidade.
Nesta liña continúase a traballar no manexo actual de atención que busca un modelo de paciente informado, corresponsable e colaborador coa súa patoloxía continúa. As novas tecnoloxías, plataformas e aplicacións móbiles de saúde, favorecen a educación do paciente e desenvolven habilidades de autocontrol, permitindo a participación do paciente na mesma. Tendo en conta todo isto, nesta Unidade de Enfermidade Inflamatoria Intestinal están a desenvolver tamén un proxecto premiado, Medicrohn, para valorar a enfermidade mediante unha App. Esta App integra ademais estratexias para o posterior autocontrol e a monitorización remota, coa comodidade de non ter que estar pendente das consultas nin o contacto co ámbito sanitario.
Dende hai un ano o Servizo de Dixestivo está acreditado para a Docencia en Dixestivo, e, indicaba Ana Echarri esta mañá, a “Unidade é un factor moi valorado á hora de o futuro residente realice a súa elección, incrementándose o número de investigadores que garantan o futuro da Unidade”. Con estes fitos, só algúns dos máis destacados, amósase unha traxectoria que a fai merecedora á Unidade dunha certificación de calidade desta categoría a nivel nacional.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss