Presentada unha Tese Internacional sobre o avance dun tratamento para doentes tras un ictus, baseado na aplicación da nanotecnoloxía
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
03 12 2018

Santiago, 03 de decembro 2018.- Andrés da Silva, investigador do Laboratorio de Neurociencias Clínicas do IDIS, ven de presentar a súa Tese Internacional sobre os avances producidos na busca dun tratamento baseado na nanotecnoloxía para os doentes tras sufrir un ictus. Titulada “Nanoneuroprotección against glutamatergic excitotoxicity in ischemic stroke” obtivo a cualificación de sobresaliente cum laude.

A tese afonda nun proxecto no que o Grupo de Neurociencias do Hospital Clínico de Santiago (IDIS) ven traballando dende hai anos, co obxectivo de atopar un fármaco que puidese axudar a reducir as lesións neuronais tras un ictus. Buscan un tratamento que puidese ser administrado a un gran numero de pacientes, xa que os tratamentos actuais apenas poden beneficiar a preto dun 20% dos doentes. O reto desta Tese era acadar unha estratexia terapéutica que se puidese aplicar mesmo antes da chegada do doente a un centro hospitalario, é dicir nun centro de saúde ou no propio transporte sanitario, xa que poder administrar un tratamento nas primeiras horas é vital para reducir secuelas e mesmo para a supervivencia.

Ao longo dos catro anos de elaboración desta Tese doutoral, en colaboración co laboratorio da Prof. Mabel Loza (IDIS) e o Prof. Eddy Sotelo, ambos da USC, atopouse un novo fármaco con eficacia terapéutica durante a fase inicial do ictus e que foi probada nunha poboación de 50 doentes con ictus isquémicos. Dentro do marco da liña de investigación desta Tese, e co obxectivo de incrementar a eficacia deste novo fármaco, en colaboración con Prof. Samir Mitragotri da Universidade de Harvard, ideouse tamén un novidoso sistema de nano-encapsulación capaz de dirixir o tratamento a rexión cerebral afectada.
 
Esta Tese ten carácter internacional, polo que a súa defensa fíxose ante un Tribunal Internacional de alto prestixio integrado pola Prof. Carmen Álvarez-Lorenzo da USC, e referente internacional no campo da farmacoloxía aplicada, o Prof. José Vivancos, referente internacional no campo do ictus cerebral e Xefe de Servicio do Hospital Universitario La Princesa de Madrid, e como membro internacional do Tribunal o Prof. Wolfgang J. Parak da Universidade de Hamburgo, tamén referente internacional no campo da nanotecnoloxía.



 

Saúdos

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss