Sanidade reafírmase na súa aposta polo CIS que incrementa nun 60% os espazos sanitarios para mellorar a atención primaria no Morrazo
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
03 12 2018

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, reiteroulle hoxe aos representantes do goberno municipal de Cangas e das asociacións veciñais o compromiso firme da Xunta de Galicia para ampliar nun 60% os espazos asistencias destinados a prestar asistencia sanitaria. Así mesmo,  insistiu na  necesidade de asinar o convenio para a cesión dos terreos que deberán acoller o Centro Integral de Saúde (CIS) de Cangas-Moaña no que, tal e como se recolle no plan funcional presentado no pasado mes de xuño, se prevén as actuacións destinadas a mellorar e ampliar os dispositivos dispoñibles na actualidade.

O futuro novo CIS, proxecto que a Consellería de Sanidade considera un tema prioritario, suporá un investimento de 6,8 millóns de euros, para un total de 4.900 metros cadrados.  Para a construción deste centro é necesario que o concello de Cangas poña a disposición do Sergas unha parcela de 7.000 metros cadrados.  Este Centro Integral de Saúde será o cuarto que comezará a funcionar en Galicia, tras o de Vigo que xa está operativo, o de Lugo a piques de iniciarse e o de Lalín que xa ten iniciados os trámites.

Coa creación deste CIS o Sergas prevé dar á poboación un acceso a todos os servizos en tempos menores a 10 minutos, así como unha atención sanitaria continua os 365 días, ademais dunha maior confortabilidade e humanización dos espazos, melloras nos accesos, eliminación de barreiras arquitectónicas, maior dispoñibilidade de aparcamento e espazos adaptados aos pacientes pediátricos (sala de lactancia), así como espazos que garantan a intimidade dos pacientes durante a asistencia.
 
Carteira de servizos
O Centro Integral de Saúde de Cangas e Moaña prevese que conte, na súa carteira de servizos, con urxencias de atención primaria con consultas, salas de observación, radioloxía dixital, laboratorio, telemedicina e unha base do 061. Disporá, tamén, dunha área integral de rehabilitación, con consultas de fisioterapia, cabinas de tratamento, ximnasio e unha sala para rehabilitación cardíaca. Terá, así mesmo, unha área de odontoloxía e saúde bucodental.

 

Outros servizos previstos dos que disporá o Centro Integral de Saúde de Cangas e Moaña será a área de atención á muller; a de farmacia, a de diagnóstico por imaxe e a de saúde mental. Tamén terá unha área integral de especialidades médicas, con consultas polivalentes de especialidades e salas de exploración.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss