O IDIS consolídase como un referente en atracción de talento coa captación de máis de dous millóns de euros para a contratación de persoal investigador
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
19 12 2018

Santiago de Compostela, 19 decembro de 2018.- O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela consolídase como referente na atracción do talento coa captación de 2.126.359 euros de financiamento para a contratación de persoal técnico e investigador. A totalidade destas axudas foron captadas en concorrencia competitiva, en convocatorias autonómicas, nacionais e propias, xerando así 26 postos de traballo.

 

 
Esta mañá, a presidenta do padroado da Fundación IDIS, e xerente da área sanitaria de Santiago, Eloína Núñez, a directora da Fundación IDIS, María Gómez-Reino e o director científico do IDIS, José Castillo deron a benvida a este grupo de investigadores, que na súa meirande parte incorporaranse oficialmente a principios de 2019.
 
O destino das axudas foi principalmente para a contratación de investigadores en etapa predoutoral [19 contratos]. O IDIS aposta así, pola incorporación de talento dentro da súa institución, actuando como xerador de riqueza en Galicia e consolidándose como referente galego en investigación biosanitaria. Desta forma obtense un gran investimento para incrementar a masa crítica de investigadores e fortalecer as liñas de investigación do instituto, para o que acudiu a convocatorias autonómicas e nacionais de recursos humanos obtendo 26 contratos de persoal de diferentes modalidades e axencias financiadoras.
 
A captación e formación de investigadores é un obxectivo primordial para alcanzar a excelencia e neste sentido o IDIS conta, desde o ano 2011, cun programa propio de captación de talento para a realización de teses doutorais no marco dos grupos de investigación do instituto. Esta iniciativa, que ten por obxectivo a formación de investigadores en Biomedicina e Ciencias da Saúde, realízase en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva.
 
Cada ano intégranse 5 novos investigadores predoutorais cun contrato de 3 anos de duración. Desta forma o instituto aposta así polo capital humano como alicerce básico para potenciar as liñas de investigación e darlle pulo á valorización e transferencia dos resultados. A gran produción dos grupos de investigación que traballan nas principais áreas sanitarias, sumado á forte capacidade de obtención de recursos en convocatorias competitivas de recursos humanos, converten ao IDIS nun forte atractivo para a captación de talento.
 
O programa de axudas predoutorais para a realización de teses de doutoramento no marco dos grupos de investigación do IDIS vai dirixida a titulados universitarios que desenvolvan a súa tese doutoral no eido da biomedicina e as ciencias da saúde mediante a súa integración en grupos de investigación pertencentes ao IDIS. A bolsa formalízase a principios de 2019 e ten unha duración máxima de 3 anos, coa obriga de presentar resumos anuais da evolución da tese.
 
Os bolseiros seleccionados na convocatoria 2018 son: Antonio Dopico López, que pertence ao grupo de Neuroloxía. O título do proxecto é Estudo preclínico do efecto da proteína recombinante humana GOT como nova ferramenta para o tratamento do ictus isquémico. O obxectivo desta Tese Doutoral é estudar a eficacia terapéutica dun novo fármaco capaz de controlar os niveis de glutamato durante o ictus, diminuíndo así o dano cerebral e as secuelas derivadas deste. Hai que lembrar que durante o ictus isquémico os niveis de glutamato (unha molécula que en condicións normais actúa como neurotransmisor) aumentan de forma drástica no tecido cerebral producindo un dano neuronal irreversible.
 
Paula Mariño Lorenzo, é bolseira predoutoral do grupo de Endocrinoloxía Molecular que desenvolverá o proxecto: Avaliación do efecto dunha intervención nutricional para perder peso sobre a evolución de pacientes obesas con cancro de mama durante o tratamento oncolóxico. Na tese realizará unha intervención nutricional para inducir perda de peso mediante restrición calórica da dieta con diferente composición de nutrientes como coadxuvante do tratamento antineoplásico en doentes obesas con cancro de mama. Esperan poder acadar mellores resultados na resposta ao tratamento, supervivenza e posibles recidivas, en comparación a seguir unicamente o tratamento oncolóxico prescrito na practica clínica habitual.
 
No grupo de Cardioloxía desenvolverá o seu proxecto de tese doutoral Marinela Couselo Seijas. Co título Indicadores de fibrilación auricular no tecido adiposo epicárdico e a súa regulación pola actividade física, centrarase na procura de mecanismos que poidan explicar a relación da calidade e cantidade de graxa epicárdica coa fibrilación auricular. A obesidade é un factor de risco de enfermidade cardiovascular, que se asocia habitualmente a un incremento de graxa cardíaca. Esta pode producir moléculas que propicien a perpetuación desta enfermidade. A fibrilación auricular é a arritmia máis frecuente da poboación mundial, supoñendo un risco de morte por insuficiencia cardíaca ou eventos cerebrovasculares. Os novos achados sobre os mecanismos de acción da graxa epicárdica permitirán esclarecer ou identificar novos indicadores que estratifiquen o risco de fibrilación auricular, así como novas estratexias terapéuticas para o seu tratamento ou mesmo prevención.
 
Nuria Carmona Ule, desenvolverá a tese A nanotecnoloxía como ferramenta para xerar novos sistemas con aplicabilidade en oncoloxía traslacional, no grupo de Oncoloxía Médica Traslacional.  Estará composta por dous obxectivos principais: a xeración de estratexias innovadoras baseadas en nanotecnoloxía para a súa aplicación en illamento e cultivo de Células Tumorais Circulantes (CTCs) creando un sistema que permita illar e favorecer o cultivo das devanditas células nun mesmo dispositivo; e o segundo obxectivo consistiría no desenvolvemento de sistemas de diagnóstico baseados en nanopartículas con propiedades ópticas para detectar material tumoral circulante ex vivo. O proxecto no seu conxunto está enmarcado dentro do obxectivo principal da Unidade Mixta Roche-Chus, que consiste no desenvolvemento de solucións innovadoras para mellorar o diagnóstico, tratamento e monitoraxe do cancro de próstata e mama.
 
Finalmente, Xurxo García Otero, traballará no Desenvolvemento de sistemas de liberación controlada de antiVEGF para o tratamento de patoloxías oculares, dentro do grupo Imaxe Molecular. Durante os tres anos de duración do seu contrato predoutoral, pretenderá obter un maior coñecemento sobre a farmacocinética de diferentes medicamentos e formas farmacéuticas. Para iso, realizaranse novas técnicas de radiomarcaxe con Zirconio para poder estudar o seu comportamento mediante técnicas de imaxe molecular (microPET/CT). O esclarecemento da cinética destas moléculas permitirá, por unha banda, modificar galenicamente o seu comportamento e así poder optimizar a súa posoloxía mediante a elaboración de melloradas formas farmacéuticas. Á súa vez, desenvolveranse diferentes vehículos, como nanopartículas e outros sistemas de liberación retardada de medicamentos, que mellorarán a eficacia dos actuais. Doutra banda, o comportamento farmacocinético preclínico poderá esclarecer moitas das lagoas de coñecemento actualmente existentes en farmacocinética clínica, podendo ter estas investigacións un gran compoñente traslacional en diferentes campos como a oftalmoloxía, neuroloxía e medicina dixestiva.
 

 

 

 

Sobre o IDIS
 
O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) é un centro de investigación traslacional, de innovación e transferencia de coñecemento que favorece as sinerxias entre a Área Sanitaria de Santiago de Compostela e a Universidade, ás que están vinculados 80 grupos e máis de 1.000 investigadores. Naceu en 2008 para poñer en valor o coñecemento aplicado e converteu a Galicia en referente internacional no campo da biomedicina. Foi o primeiro centro galego acreditado polo Instituto de Saúde Carlos III en 2010 e a súa captación de fondos para a investigación creceu preto dun 300% desde entón. Lidera proxectos de investigación europeos desde o ámbito das neurociencias e a pediatría.
 
Saúdos
 
 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss