A AULA HOSPITALARIA DO CHUF CELEBRA O NADAL COA INTERVENCIÓN ESPECIAL DOS VOLUNTARIOS DO PROGRAMA AVÓ, CÓNTAME E CÁNTAME QUE ME ENCANTA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
19 12 2018

A aula hospitalaria da Xerencia Integrada de Ferrol celebrou esta mañá a festa de Nadal cos nenos e nenas ingresados estes días no Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Os nenos que puideron achegarse á aula participaron nunha intervención teatral dos voluntarios da Asociación ADRA, no marco do programa Avó, cóntame e cántame que me encanta. Estes voluntarios acoden ó longo do ano con diversas actividades os últimos mércores de cada mes. Na festa de hoxe reuníase un representante de cada un dos distintos grupos de voluntarios e colaboradores que, con diversas actividades, fan máis agradable a estadía dos máis pequenos no recinto hospitalario, nesta aula especial, onde as e os nenos hospitalizados poden continuar a traballar as cuestións relativas á súa educación.
Así, colaboran a Asociación ADRA, que acoden os últimos mércores de cada mes cunha serie de actividades no marco do programa Avó, cóntame e cántame que me encanta; os voluntarios da Cruz Vermella, que realizan diversas actividades cos cativos e cativas os martes e os sábados; e o Campus de Ferrol da Universidade da Coruña co programa Aprendo saúde xogando con futuros enfermeiros, que traballan ó longo do curso e amosan os resultados entre abril e maio. A estas súmanse as actividades co Scrap, actividades de papiroflexia para nenos e pais.
Aprender xogando na aula hospitalaria
A Aula Hospitalaria funciona nesta área sanitaria dende xuño de 2007, na que se inaugurou. Ten unha capacidade para 30 nenos e nenas entre os 1 e os 18 anos. Por este espazo educativo e lúdico pasan unha media diaria de 5 nenos. Conta cun lugar de reunión de pais e profesionais, con arquivo de material, e xa a Aula Hospitalaria propiamente dita, que dirixe unha mestra de Educación, Pilar Porta, e que se divide nunha serie de espazos funcionais.
A zona de Educación Infantil está dedicada ós máis pequenos, alumnas e alumnos escolarizados en educación infantil, de tres a seis anos; unha segunda zona de Educación Primaria, pensada para ofertar resposta educativa a un abano de rapaces entre os seis e os doce anos; un recuncho de lectura; e un recuncho de novas tecnoloxías con equipamento para traballos, e con e conexión vía Internet con outras aulas. Normalmente, en horario de mañá, a mestra abrangue os obxectivos de tipo pedagóxico e curricular; e, xa pola tarde, compleméntase este labor con actividades que favorecen que o procese de hospitalización sexa máis ameno.
Voluntarios e avós
Neste día da Festa do Nadal, os voluntarios da Asociación ADRA, ofrecían unha pequena obra de teatro interactiva. Estes voluntarios participan, como xa se dicía, cunha serie de actividades no marco do programa Avó, cóntame e cántame que me encanta, nas que maiores e pequenos comparten teatro, fotos, chistes, contos, e traballos manuais. Esta área foi a primeira en pór en marcha esta iniciativa en Galicia.
Mediante este Programa, a Asociación encárgase de formar ós maiores voluntarios para realizar actividades adaptadas ós máis pequenos, como xogos, contos, e cantigas populares e tradicionais, entre outras; e poden transmitirlles así as súas experiencias vitais e coñecementos. Tras este período de formación, e escollidas e supervisadas as actividades, estes voluntarios e voluntarias acoden ó centro para pór en común esas accións coas rapazas e rapaces ó longo do curso escolar.
Xogando con futuros enfermeiros, Cruz Vermella e Scrap
Xunto con esta actividade, alumnos e alumnas da Facultade de Enfermaría e Podoloxía de Ferrol e desta aula hospitalaria aprenden xuntos os sistemas básicos do corpo humano a través do programa Aprendemos saúde cos alumnos de Enfermaría, seguindo a liña de colaboración entre o Campus de Ferrol e o Servizo Galego de Saúde. Co asesoramento de profesionais de enfermaría organizan diferentes actividades didácticas para achegar ós nenos e nenas hospitalizados información sobre algúns dos sistemas básicos como o circulatorio, respiratorio, linfático, dixestivo, endocrino, nervioso e xenito-urinario.
Os alumnos divídense en grupos de entre cinco e sete alumnos cada un, e teñen unhas xuntanzas previas, nas que un representante de cada un dos grupos acude a ve-los espazos da aula hospitalaria. Coñecen as peculiaridades da aprendizaxe dos nenos e nenas hospitalizados, e os coñecementos que estes teñan en xeral sobre anatomía básica. Xa unha vez na aula, os alumnos e alumnas da Facultade preséntanse cando chegan; coñecen as particularidades de cada un dos nenos cos que van falar; e dan unhas pinceladas do sistema que van tratar nesa sesión. E comezan as actividades, diferenciadas e traballadas previamente.
A aula hospitalaria da Xerencia Integrada de Ferrol comezaba en 2016 con Scrap, actividades de papiroflexia para nenos e pais unha das novas actividades que se incorporaba a aula os venres. Con gomas, colas, cinta de dobre cara, máquinas de troquelado, cortadoras, purpurinas, tintas, e papelería de distinto tipo, comezaban a traballar e crear, entre outra cousas, tarxetas ou cadernos personalizados. Por último, lembrar tamén a colaboración dos voluntarios da Cruz Vermella, que traballan  cos cativos e cativas os martes e os sábados, a través de moi distintas actividades. A responsable da Escola, Pilar Porta, destaca un ano máis o labor de todas estas entidades, “que non se pode máis que agradecer”, que aportan alegría no ámbito hospitalario e compensan a interrupción da actividade de ensinanza ordinaria con fórmulas educativas alternativas, co que o neno continúa activo aínda durante a súa estadía no centro hospitalario.
 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss