O INIBIC PREPARA A SÚA REACREDITACIÓN COMO INSTITUTO DE INVESTIGACIÓN SANITARIA DO SISTEMA NACIONAL DE SAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
31 12 2018
Hoxe tivo lugar na sala de xuntas da Xerencia do CHUAC a segunda reunión anual do Consello Reitor do INIBIC. Nesta reunión, na que participaron entre outros, o Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, o Reitor da Universidade de A Coruña, Xulio Abalde, a directora do ACIS, Beatriz Allegue, o presidente do padroado da Fundación Profesor Nóvoa Santos, Luis Verde Remeseiro, e o director científico do INIBIC, Francisco Blanco, acordouse iniciar as actuacións e trámites necesarios para acadar a renovación da acreditación no ano 2020, dado que a citada distinción ten unha duración de cinco anos.
 
O Instituto de Investigación Biomédica A Coruña (INIBIC), está acreditado como Instituto de Investigación Sanitaria dende o ano 2015, e forma parte dos 29 Institutos de Investigación Sanitaria (IIS) acreditados a nivel nacional. A entrada nesta prestixiosa lista non é so un recoñecemento ao bo facer tanto a nivel científico como de xestión, senon que posibilita o acceso a convocatorias específicas de captación de fondos públicos destinados ao desenvolvemento de investigacións neste tipo de centros.
 
Entre as convocatorias específicas cabe destacar a “Juan Rodes”, concebida para financiar a contratación de profesionais sanitarios que combinen a actividade asistencial e a investigadora.
 
O INIBIC está especialmente interesado na promoción destes perfís mixtos ao consideralos claves no enriquecemento do Sistema Sanitario. Na anualidade 2018 conseguiu financiación para dous destes contratos que se suman ao xa obtido na anterior convocatoria, o que converte ao INIBIC no Instituto Galego con máis profesionais en activo incorporados por esta vía.
 
O INIBIC, que está constituído mediante un convenio de colaboración entre a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e a Universidade de A Coruña, conta con preto de 400 profesionais dedicados a actividades de investigación repartidos entre os 26 grupos que conforman o instituto, e dos que 17 están liderados por investigadores clínicos do CHUAC. O Presidente do seu Consello Reitor é o Conselleiro de Sanidade, e o Vicepresidente o Reitor da UDC.
 
Así, a finalidade do instituto é desenvolver e integrar harmonicamente a investigación básica, clínica e de saúde pública, potenciando a investigación translacional cunha mellor transferencia dos avances científicos obtidos na prevención e tratamento dos problemas de saúde máis frecuentes. No que se refire á captación de recursos, a marca de calidade que implica a reacreditación sen dúbida repercute positivamente na captación de recursos destinados a investigación e innovación. Ademais, a integración dos distintos tipos de investigación permite acurtar o intervalo transcorrido entre a produción dun novo coñecemento (eficacia) e a súa transferencia e aplicabilidade real (efectividade e eficiencia) na práctica médica.
 

A Xerencia da Área Sanitaria de A Coruña aposta de xeito decidido polo seu instituto xa que estes son claves e estratéxicos para o presente e o futuro da investigación e a innovación no sistema sanitario, permitindo a incorporación do coñecemento á práctica asistencial. A investigación sanitaria é un elemento necesario para o éxito de calquera estratexia que se propoña mellorar a saúde da cidadanía. Ademais, a integración da investigación coa práctica clínica garante unha maior calidade dos servizos de saúde e unha mellor e máis rápida implantación dos avances científicos na prevención, diagnóstico e tratamento das enfermidades.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss