Os nenos e nenas de pediatría do HULA irán en coche teledirixido ata o quirófano e para realizar probas
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
04 01 2019

Os nenos e nenas ingresados no Hospital Universitario Lucus Augusti acudirán a partir de agora á súa cita médica no bloque cirúrxico ou para realizarse probas diagnósticas no seu propio vehículo eléctrico. Esta mañá tivo lugar o acto de entrega de dous vehículos eléctricos teledirixidos doados por Cruz Vermella e pola Asociación Provincial de Reparación y Venta de Automóviles y Recambios de Lugo (APREVAR) ao Servizo de Pediatría e á Unidade de Cirurxía Maior Ambulatoria do HULA.

No acto de entrega dos dous coches eléctricos teledirixidos estiveron presentes o xerente da EOXI de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos, Ramón Ares Rico; o secretario provincial de Cruz Vermella de Lugo, José Luis Fernández Armesto; o presidente da Asociación Provincial de Reparación y Venta de Automóviles y Recambios, Luis Abelleira Mayor, ademais de persoal do Servizo de Pediatría e da Unidade de Cirurxía Maior Ambulatoria. Neste proxecto participan tamén os equipos de enfermaría, auxiliares e celadores do hospital. 

O proxecto coches eléctricos terapéuticos, do Hospital Universitario Lucus Augusti, encádrase dentro do proxecto de humanización dos coidados pediátricos da Unidade de Cirurxía Maior Ambulatoria do HULA e do Servizo de Pediatría. Este proxecto propón o uso dos coches teledirixidos de xoguete dentro das instalacións do hospital cun fin terapéutico que pretende tranquilizar ao menor, procurando unha mellor colaboración co persoal sanitario no seguimiento das pautas do seu tratamento e, como consecuencia, proporcionando unha maior efectividade na súa asistencia clínica.
 
Esta iniciativa fíxose grazas ao apoio de Cruz Vermella de Lugo e da Asociación Provincial de Reparación y Venta de Automóviles y Recambios de Lugo (APREVAR), que colaboran con este proxecto a través da doazón dos dous vehículos teledirixidos ao HULA. O proxecto, busca, como dixemos, a humanización hospitalaria na atención aos pacientes pediátricos, facéndolles máis doada e menos traumática a súa estadía hospitalaria, a asistencia a probas diagnósticas ou o seu paso polos quirófanos do hospital.
 
Un dos coches irá destinado á Unidade de Cirurxía Maior Ambulatoria. Deste xeito, preténdese o traslado dos nenos e nenas ingresadas ata o quirófano no coches teledirixidos, coa fin de reducir a ansiedade dos menores antes de entrar na sala de operacións. O outro irá destinado ao Servizo de Pediatría do Hospital Universitario Lucus Augusti para o traslado dos menores a realizar probas diagnósticas durante o seu ingreso hospitalario.
 
Cada ano ingresan no Servizo de Pediatría do HULA uns 1.400 nenos e nenas. 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss