A XERENCIA INTEGRADA DE FERROL REÚNESE CON REPRESENTANTES DE ASOCIACIÓNS DE PACIENTES PARA A ACTIVACIÓN DO CONSELLO ASESOR DE PACIENTES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
11 01 2019

Case unha vintena de persoas vinculadas a asociacións de pacientes de diferentes patoloxías dos Concellos que comprenden a área sanitaria de Ferrol eran convocadas pola Xerencia Integrada de Ferrol para unha xuntanza informativa, esta mañá no Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. O obxectivo era darlles a coñecer a Orde 16 de outubro de 2018 pola que se regula a composición e o réxime de funcionamento dos consellos asesores de pacientes de área, de cara a próxima creación deste órgano colexiado de carácter consultivo na área sanitaria ferrolá. Estes consellos de área veñen a completar as funcións que ata o de agora se desenvolvían a nivel autonómico no Consello Asesor de Pacientes de Galicia.
 

De todas estas cuestións daba conta esta mañá o responsable da Xerencia Integrada de Ferrol, Ángel Facio Villanueva. O seguinte paso, tal e como establece a norma, é abrir un prazo no que as asociacións poidan solicitar a súa participación voluntaria neste Consello Asesor. O prazo de presentación de solicitudes abrirase o vindeiro luns 14 de xaneiro e contarase cun prazo de 10 días naturais para a presentación no Rexistro Xeral do Xerencia (no andar baixo do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol) da solicitude de participación neste Consello Asesor. “Trátase -afirmou esta mañá Ángel Facio- de que saibades que isto se está a traballar xa; que poidades transmitirllo a quen consideredes que lle pode ser útil sabelo tamén; e que coñezades o procedemento e prazo para poder formar parte”.
 

Órganos de participación
Os Consellos Asesores de Pacientes de Área configúranse como órganos de participación das asociacións nas que se agrupan os pacientes, canalizando a súa participación e a das súas familias (ou das persoas que os representen ou que se responsabilicen do seu coidado), coa finalidade de participar e colaborar na mellora da calidade da asistencia sanitaria.
 
Estes Consellos permitirán ós pacientes, a través das súas asociacións, ter maior voz e asesorar a través destes órganos sobre aspectos como a asistencia sanitaria, a prevención da enfermidade ou o deseño dos espazos dos centros sanitarios para a mellora da súa accesibilidade e funcionamento. Tamén poderán realizar propostas que poidan contribuír á mellora da atención e coidados dos pacientes, asesorar sobre os contidos das guías de información dirixidas a pacientes, ou na mellora da información da seguridade, entre outras cuestións.
 
Composición
No tocante á súa composición e funcionamento, a orde estipula que estes órganos colexiados de carácter consultivo reuniranse polo menos unha vez ó ano; e estarán integrados tanto por membros da estrutura directiva da correspondente área sanitaria como por membros das asociacións de pacientes. A presidencia dos Consellos Asesores de Pacientes de Área corresponderá á persoa titular da xerencia de cada área sanitaria e a secretaría, estará ocupada por unha persoa da xerencia desa área sanitaria con condición de empregado público. Mentres que os vogais serán os titulares dos órganos unipersonais de dirección que correspondan a cada estrutura de xestión integrada e os representantes propostos por cada unha das asociacións de pacientes de carácter sanitario que desenvolvan a súa actividade no ámbito territorial de cada área sanitaria.
 
En termos xerais, os Consellos Asesores de Pacientes de Área deberán informar dos acordos adoptados ó Consello Asesor de Pacientes de Galicia, así como, con carácter previo, de calquera resolución, circular ou instrución que por parte das Xerencias das estruturas organizativas de xestión integrada que se poidan tomar e que se deriven dos acordos adoptados polos consellos de área. A participación social no ámbito sanitario é un dos principios reitores do sistema público de saúde, ratificado na modificación realizada na Lei de Saúde. A creación dos Consellos Asesores de Pacientes de Área enmárcase neste contexto e súmase a outras iniciativas postas en marcha nesta liña pola Consellería de Sanidade como son o Consello Asesor do Pacientes ou a Escola Galega de Saúde.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss