A Consellería de Sanidade e os sindicatos asinan un acordo sobre o novo contrato de continuidade
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
15 01 2019
A Consellería de Sanidade e as organizacións sindicais CESM-OMEGA, SATSE, CSIF e UGT pecharon esta mañá un acordo en Mesa sectorial  sobre o establecemento dun nomeamento estatutario eventual de continuidade no ámbito do Servizo Galego de Saúde. O acordo recolle melloras consensuadas nas condicións laborais en materia de xornadas e descansos; a delimitación, dentro do distrito, do ámbito de nomeamentos que se fixará previamente na comisión de seguimento do acordo;  e o carácter voluntario da aceptación do contrato polos aspirantes.

 

Este tipo de contrato é unha nova modalidade contractual para vínculos temporais do persoal médico de familia e pediatras de atención primaria do Sergas, que prevé contratos cun mínimo dun ano de duración e tres anos de máximo. A implantación inmediata desta medida mellorará as condicións laborais dos médicos especialistas actualmente dispoñibles e tamén as dos médicos internos residentes que teñan previsto rematar no vindeiro mes de maio.

 
O contrato de continuidade permitirá a dispoñibilidade de persoal para a cobertura das necesidades asistenciais que se produzan. Así mesmo posibilitará o cumprimento dos obxectivos de garantía de funcionamento permanente e continuado dos centros sanitarios e permitirá un servizo máis eficaz á poboación, ademais de ofrecer unha maior estabilidade laboral aos profesionais, fidelizando os recursos humanos dispoñibles.
 
Cómpre subliñar que á finalización dos nomeamentos, se a prestación dos servizos se estendese por un período acumulado de 12 ou máis meses nun período de dous anos, poderase valorar a creación de prazas estruturais .
Tamén se contempla que o réxime de prestación dos servizos será de dous ou máis centros dentro do mesmo distrito sanitario. Por razóns obxectivas xeográficas ou número de persoal do centro, poderá abarcar un único centro.
 
O persoal vinculado con estes nomeamentos gozará dos mesmos dereitos e obrigas que o restante persoal do centro ou centros aos que estea vinculado, en particular do mesmo réxime de descansos, permisos e vacacións.
 
Con esta medida, a Consellería que dirixe Jesús Vázquez Almuiña cubrirá, de xeito óptimo e eficiente, as necesidades asistenciais coxunturais, garantindo a estabilidade laboral do persoal afectado e reducindo o número de chamamentos sucesivos. Sinalar que este nomeamento que está destinado a médicos de familia e pediatras de atención primaria podería estenderse nun futuro a outras categorías profesionais.

Coa firma de hoxe, a Consellería de Sanidade da por pechada a negociación, á que se poderán adherir o resto dos representantes dos traballadores xa que a firma queda aberta.

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss