O 061 aconsella gardar repouso na casa e poñerse en contacto cos seus profesionais para consultas relacionadas coa gripe
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
20 01 2019
 

​A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 aconsella gardar repouso na casa, ata que remitan os síntomas, e poñerse en contacto cos seus profesionais sanitarios no caso de necesitar seguimento do seu proceso gripal.

Estas recomendacións realízanse ante o incremento, nos últimos días, da incidencia dos síntomas gripais entre a poboación e da previsión do Servizo Galego de Saúde de que a partir da semana que vén se produza o comezo da onda epidémica da gripe na Comunidade Autónoma.
 
O ano pasado, entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo, os profesionais sanitarios da Central de Coordinación do 061 de Galicia atenderon 7.602 chamadas de demanda sanitaria por síntomas relacionados con procesos gripais.
 
Así, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recorda que a gripe é unha enfermidade vírica, que na maioría dos casos é leve e sen complicacións, e que as persoas que a sofren poden ter febre superior a 38º C, tose, dor de gorxa, conxestión nasal, esbirros, malestar xeral, dores musculares e dor de cabeza cunha duración de ata sete días.
 
Como actuar se ten gripe
Se vostede manifesta síntomas gripais, debe permanecer no seu domicilio en repouso, beber abundantes líquidos, principalmente auga e zumes, e manter unha dieta saudable e equilibrada mediante o consumo de froitas e verduras.
 
É importarse lavarse as mans frecuentemente con auga e xabón, tapar o nariz ou a boca ao tusir, utilizar panos desbotables e evitar tocar os ollos, o nariz ou a boca. Ademais, debe manter unha boa hixiene xeral do domicilio, repousar nun espazo individual con boa ventilación e reducir o contacto con outras persoas ata que pasen 24 horas desde a última vez que tivo febre. Deste xeito, diminuirá as posibilidades de contaxio que ten lugar, xeralmente, desde o primeiro día antes de manifestar os primeiros síntomas gripais ata sete días despois.
 
Recorde controlar a febre.
 
Non tome antibióticos nin antivirais a menos que o indique un profesional sanitario. Os procesos gripais están causados por virus que, polo tanto, non responden ao tratamento con antibióticos.
 
Cando debe chamar ao 061
Se vostede ten calquera dúbida relacionada coa gripe, pode poñerse en contacto, marcando o teléfono 061 ou 902 400 116, con profesionais sanitarios que lle darán as pautas necesarias de actuación ou realizarán o seguimento do seu proceso gripal mentres garda repouso na casa.
 
No caso de que teña febre superior a 38,5ºC que persiste durante máis de tres días, os síntomas da gripe continúen pasados xa sete días desde o comezo dos mesmos ou sofra un empeoramento repentino do seu estado, debe poñerse en contacto cos profesionais sanitarios de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
 
Outras situacións que deben ser consultadas son: mareos, náuseas ou alteracións da conciencia tales como dificultade para despertarse ou irritabilidade; a aparición de erupcións cutáneas; ou a dificultade para respirar, a expectoración sanguinolenta ou dor no peito.
 
Por último, se vostede pertence a algún dos grupos considerados de risco, como enfermos de corazón ou respiratorios crónicos, diabéticos, enfermos hepáticos ou embarazadas, entre outros, marque o 061 ou o 902 400 116 no caso de que teña calquera dúbida ou necesite realizar unha consulta sobre a gripe a profesionais sanitarios.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss