Pediatras, médicos e enfermeiros de PACs incorpóranse aos grupos de traballo
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
23 01 2019

 No proceso que está a levar a cabo a Consellería de Sanidade co propósito de abordar propostas a curto, medio e longo prazo, para reformular o novo modelo de atención primaria, hoxe reuníronse coa Administración sanitaria os pediatras e os médicos e enfermeiros dos Puntos de Atención Continuada.

 
De novo, como en reunións de anteriores colectivos, Sanidade valora moi positivamente a dinámica de traballo nos que se están a tratar os seis temas que o departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña considera claves para identificar e desenvolver o novo modelo do primeiro nivel asistencial. Estes seis temas son a reorganización e a creación de equipos para identificar os novos roles dos profesionais que traballan na atención primaria; as medidas encamiñadas á atención da demanda con calidade e seguridade; a priorización do plan de investimentos previstos para este ano na atención primaria; as relacións entre a atención hospitalaria e a primaria; a formación e a investigación; e as relacións cos pacientes a través das novas plataformas tecnolóxicas aplicadas á saúde.
 
O colectivo de médicos e persoal de enfermería dos PACs abordou na reunión de hoxe os tres primeiros apartados, polo que serán citados para abordar os tres seguintes nunha próxima xuntanza.
 
Sanidade insiste en que sigue aberta a todas as propostas de mellora e que as canles de participación están a disposición de que queira facer achegas ata o 31 de xaneiro.
Cómpre lembrar que o plan de traballo acordado programouse para poder contar coas primeiras conclusións de expertos no vindeiro mes de febreiro.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss