A Xerencia de Xestión Integrada de Santiago pon en marcha a unidade do solo pelviano para as patoloxías máis prevalentes
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
24 01 2019

Santiago de Compostela a 23 de xaneiro 2019.- A Xerencia de Xestión Integrada de Santiago pon en marcha a Unidade do Solo Pelviano que xa está funcionando no Hospital Clínico e proximamente abrirá a consulta no hospital da Barbanza. A unidade que está integrada dentro do servizo de rehabilitación, cuxo responsable é o doutor Jesús Figueroa, está formada por médicos rehabilitadores e fisioterapeutas especializados na rehabilitación das disfuncións do solo pelviano, sobre todo, da incontinencia urinaria.

A patoloxía do solo pelviano require unha abordaxe interdisciplinaria na que participan, ademais do servizo de rehabilitación outras especialidades como uroloxía, xinecoloxía e cirurxía xeral.

Para a posta en marcha desta unidade disponse de persoal altamente cualificado na valoración e tratamento deste tipo de patoloxía, e as consultas do Clínico e da Barbanza xa están dotadas de tecnoloxía de última xeración que permitirá ser referentes na área da rehabilitación das disfuncións do solo pelviano.

As patoloxías do solo pelviano, e más concretamente a incontinencia urinaria, supón un problema relevante sobre todo na muller, cun gran impacto persoal e social e que inflúe de forma moi notoria na calidade de vida dos pacientes que a padecen.

Poderán beneficiarse destas consultas, ademais daqueles pacientes que presenten diversas disfuncións do solo pelviano, fundamentalmente mulleres que presenten incontinencias urinarias leves e moderadas (de esforzo, de urxencia ou mixta) e mulleres con prolapso vaxinal leve.

A incontinencia urinaria defínese como a condición na cal a perda urinaria constitúe un problema hixiénico e social e ademais inclúe unha demostración obxectiva da perda de urina e unha valoración subxectiva do impacto da dita incontinencia.

O Observatorio Nacional de Incontinencia (ONI) indica que a prevaleza media estimada para as mulleres é do 24%, aumentando ao 30-40% nas mulleres de mediana idade e de até un 50% nas mulleres anciás.

A súa abordaxe terapéutica comprende medidas hixiénico sanitarias, tratamento farmacolóxico, técnicas específicas de rehabilitación pelviperineal e técnicas cirúrxicas.

A rehabilitación do solo pelviano posúe unha alta evidencia científica en relación a súa efectividade terapéutica, algunhas das técnicas máis utilizadas son: electroestimulación, biofeedback, terapia manual, neuromodulación do nervo tibial posterior, ximnasia abdominal hiopopresiva, técnicas miofasciales, técnicas de rehabilitación intervencionista así como tratamento de grupo para ensino de exercicios de tonificación da musculatura do solo pelviano. De xeito complementario ás diferentes técnicas lévase a cabo un seguimento de hábitos e actividades dos pacientes con fin de indicarlles recomendacións que contribúan á resolución do problema.

A unidade do solo pelviano que acaba de poñer en marcha a consulta no Clínico e en breve funcionará no Barbanza, permitirá dar cobertura asistencial integral aos pacientes afectos de determinadas disfuncións do solo pelviano altamente prevalentes dentro da poboación xeral e que supoñen un gran impacto na calidade de vida das persoas que a padecen.

 

 

Saúdos

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss