Preto de 16.500 pacientes benefícianse das vías rápidas do Sergas, e para os que o tempo de espera media foi de 7 días
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
25 01 2019

No pasado ano, un total de 16.409 pacientes beneficiáronse das sete vías rápidas de atención de distintos procesos oncolóxicos (mama, colon, próstata, pulmón, vexiga, cabeza e colo, e melanoma), implantadas polo Sergas, sendo a espera media para ser atendidos de ao redor de 7 días. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, no acto de inauguración do IV Simposio Biopsia Líquida.

Neste foro, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego remarcou que a correcta e rápida atención aos pacientes oncolóxicos constitúe unha das liñas de acción estratéxicas do seu departamento. Segundo o conselleiro, a actividade dos servizos de oncoloxía é crecente, incrementándose o número de primeiras consultas. Así, no pasado ano, foron un total de 14.125, 751 máis que no 2017. No que respecta ao tempo medio de espera, foi de 9 días.
 

Tamén remarcou Almuiña que no 2018 a demora media da prioridade 1 foi de 19,4 días e os datos amosan que a actividade deste tipo de prioridade cirúrxica é crecente, posto que no pasado ano realizáronse un total de 19.133 intervencións, o que representa 1.284 máis que no 2017.

Na súa intervención o conselleiro destacou, tamén, que grazas á entrada en vigor do decreto de garantías de tempos máximos, durante o 2018 beneficiáronse desta normativa 43.550 pacientes (11.241 para unha intervención cirúrxica, 15.933 para unha proba diagnóstica e 16.376 para unha primeira consulta). Este decreto establece o compromiso individual cos pacientes de determinados patoloxías e se lles garante un tempo máximo para a realización dunha intervención cirúrxica (menos de 60 días), unha primeira consulta ou proba diagnóstica (menos de 45 días).
 
Segundo Almuiña, dentro das prioridades sanitarias de Galicia, o cancro de pulmón, colon e mama son tres dos problemas de saúde máis importantes. Os obxectivos marcados por Sanidade para conseguir mellorar os resultados nestes tumores van dende educar na prevención desta enfermidade e na adquisición de hábitos de vida saudables, ata o diagnóstico precoz e o tratamento individualizado para cada paciente.
 
Para rematar a súa intervención, o conselleiro dixo que Sanidade leva anos apoiando distintas iniciativas no campo da investigación oncolóxica. Dentro do proxecto europeo InnovaSaúde desenvolveuse unha liña de traballo no ámbito do diagnóstico de diferentes tumores e, actualmente, xa están publicados varios pregos de contratación relacionados co cancro no proxecto Código 100, -concluíu-.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss