O Sergas continua negoiando cos profesionais dos PAC para acadar acordos
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
29 01 2019

O Servizo Galego de Saúde continúa as negociacións cos representantes e traballadores dos Puntos de Atención Continuada para acadar un acordo. Na última reunión, celebrada esta mañá, a Administración sanitaria trasladou a súa predisposición para atender as propostas de mellorar a dotación dos EPI (equipos de protección individual) coas mesmas características que os equipos empregados polo persoal do 061 e a garantía de neutralidade dos permisos retribuídos no cómputo de xornada.

O departamento sanitario galego engade estas melloras ás reivindicacións solicitadas por este colectivo e que xa foron aceptadas, como é o pago de dobre dieta de manutención; a eliminación do indicador de derivación hospitalaria como obxectivos do servizo vinculados á produtividade; ou a garantía de neutralidade de permisos e baixas laborais no que afecten á súa xornada complementaria.

Tamén o novo contrato de nomeamentos eventuais de continuidade, recentemente aprobado en mesa sectorial, fomentará a estabilidade laboral dos PAC e garante o reforzo das gardas nestes dispositivos. A nova modalidade de contratación, de 1 a 3 anos de duración, é aplicable aos profesionais sanitarios de medicina de familia dos PAC, ao tempo que os profesionais de medicina dos centros de saúde que formalicen estes nomeamentos terán a obriga de realizar gardas nos PAC.
 
En definitiva, o Servizo Galego de Saúde segue disposto a acadar un acordo, e lembra que xa se teñen realizadas diversas reunións para tratar as reivindicacións destes profesionais, coa celebración de varias mesas sectoriais.
 
Así mesmo, os representantes dos PAC continúan a participar no proceso que está a levar a cabo a Consellería de Sanidade co propósito de abordar propostas a curto, medio e longo prazo, para reformular o novo modelo de atención primaria.
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss