A SÍNDROME DE OVARIO POLIQUÍSTICO É UN DOS TRASTORNOS ENDOCRINOS E METABÓLICOS MÁIS FRECUENTES EN MULLERES EN IDADE FÉRTIL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
31 01 2019

A síndrome de ovario poliquístico é un dos trastornos endocrinos e metabólicos máis frecuentes en mulleres en idade fértil. Esta síndrome non é unha enfermidade, é un trastorno no que as mulleres teñen atrasos mensuais, ausencia da menstruación (amenorrea), exceso de vello (hirsutismo) e ovarios de tamaño máis grande e con presencia de múltiples folículos, como sinais principais. Defínese como unha combinación de signos e síntomas secundarias a un exceso de andróxenos e disfunción ovulatoria, unha vez descartadas outras patoloxías. Así o expuxeron esta mañá os profesionais de Xinecoloxía e Obstetricia, nunha sesión clínica xeral aberta a tódolos profesionais da área sanitaria, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.
Esta síndrome afecta a 1 de cada 10 mulleres en idade reprodutiva. Descoñécese a causa, pero predispón a outras enfermidades como síndrome metabólica, diabetes tipo 2, problemas cardiovasculares, esterilidade, complicacións ou resultados adversos no embarazo, e risco de cancro de endometrio. Un dos principais pasos no diagnóstico é excluír outras enfermidades ou trastornos afíns, e valórase esta síndrome cando se producen ou ben menos de 8 ciclos menstruais ó ano ou ciclos de máis de 35 días; ou ben falta de menstruación durante máis de tres meses, en ausencia de embarazo. Xunto con isto, outra das síntomas é un hiperandroxenismo, exceso de andróxenos, co hirsutismo, como indicador clínico principal. En máis da metade dos casos, as mulleres presentan sobrepeso ou obesidade.
O obxectivo da sesión desta mañá era que os e as profesionais coñezan os criterios diagnósticos actuais desta síndrome e realizar un diagnóstico correcto. Abordáronse os tratamentos e as actualizacións en base á última evidencia científica dispoñible. Abordaron esta síndrome a residente, de Xinecoloxía e Obstetricia do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Belén Gómez Alonso, o responsable do Servizo, Manuel Ángel Veiga Tuimil; e a facultativa desta mesma especialidade, Verónica Míguez Vázquez.
 
Vida saudable, principal tratamento
As novas evidencias científicas que expuxeron esta mañá teñen confirmado as sospeitas clínicas. Unha delas era que levar un estilo de vida saudable actuaba como un tratamento, xa que incidía significativamente sobre a evolución da síndrome. Polo que o principal tratamento e primeiro paso é adquirir estilos de vida saudables, xa que diminúen o risco vascular e poden reverter a situación de partida. Xunto con isto, a ausencia de menstruación pódese abordar con anticoncepción oral en algún caso; e tamén se deben abordar as enfermidades asociadas, como a síndrome metabólica ou a diabetes.
Neste senso, estes profesionais incidiron é que os hábitos de vida saudables non son só medidas preventivas para evitar enfermidades, se non que, neste caso, poden ser un tratamento eficaz, xa que existen casos de mulleres estériles que, con baixar o 5% do seu peso, recuperan as menstruacións e quedan embarazadas. En resumo, o obxectivo básico do tratamento é realizar cambios no estilo de vida que diminúan o risco cardiovascular; e invitaron ós profesionais a promover a vida saudable especialmente entre estas mulleres, non fumar, dieta equilibrada e exercicio físico moderado diario.
No caso das mulleres obesas, recomendase dieta hipocalórica e exercicio para adelgazar ata alcanzar un Índice de Masa Muscular (IMC) normal. Reiteran que diminúe o risco cardiovascular e mellora a sensibilidade á insulina. Moitas mulleres que adelgazan recuperan as ovulacións, menstrúan, e quédanse embarazadas. Ademais, a obesidade e a diabetes tipo 2 asócianse a un aumento do cancro de endometrio, polo que a redución do peso podería reducir a súa incidencia.
Dedicaron tamén un espazo específico para esta síndrome na idade adolescente, na que se considera mellor esperar a evolución antes de establecer un diagnóstico, xa que as irregularidades menstruais e a morfoloxía dos ovarios polimicrofoliculares (propia do ovario poliquístico) son moi frecuentes durante esta etapa da vida. Invitaron ós e ás profesionais a ser cautos para evitar un sobrediagnóstico que marque e condicione a vida da muller.
Tal e como se destacaba ó referirse á pertinencia desta sesión clínica xeral para tódolos profesionais, o síndrome de ovario poliquístico é unha entidade moi frecuente e supón un número importante de consultas. O motivo de consulta pode ser variado (acné, alopecia, hirsutismo, amenorrea) e o principio da atención pode ser dende distintas especialidades polo que é imprescindible coñecer os criterios diagnósticos actuais para traballar de forma uniforme e coordinada, criterios que se revisaron esta mañá nesta sesión. Fixeron especial fincapé estes profesionais en que o diagnóstico soe establecelo un xinecólogo ou un endocrinólogo, pero que o tratamento fundamental, o seguimento e instauración de hábitos de vida saudables, non é posible sen os profesionais dos centros de saúde.
 
SAÚDOS,
COMUNICACIÓN XERENCIA INTEGRADA DE FERROL.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss