INCORPÓRANSE DÚAS NOVAS MÁQUINAS EXPENDEDORAS DE QUENDA EN ADMISIÓN DOS HOSPITAIS ARQUITECTO MARCIDE E NAVAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
01 02 2019

Instálanse nos espazos de Admisión das entradas dos Hospitais Naval e Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol dúas novas máquinas para coller un número de quenda para solicitar os trámites administrativos do Servizo de Admisión, como solicitar unha cita ou a inclusión para unha cirurxía. No caso do Hospital Arquitecto Marcide este sistema de acceso ós mostradores de admisión xa existía; pero, no Hospital Naval, a citación producíase cun dispositivo de parede. Estas novas columnas, que permiten extraer de xeito automatizado a quenda, activábanse onte no Naval e hoxe no Hospital Arquitecto Marcide.
Estes cambios enmárcanse nas melloras na solicitude e ordenación do acceso ás consultas que se iniciaban hai uns meses co sistema de xestión de citas Quendas. Así, no Hospital  Naval melloran o actual sistema de quenda en papel; e, no caso do Arquitecto Marcide, unifícase a modalidade de vez do sistema Quendas que se habilitaba na entrada do Centro de Especialidades do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Este sistema de Quendas xa estaba en marcha tamén no Hospital de Día Oncolóxico do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol; e nos centros de saúde de Narón; de Fontenla Maristay, en Ferrol; e no de Fene.
Melloras no acceso ás citas e quendas
Lembrar que Quendas é un sistema organizado de chegada dos pacientes ás consultas, que ordena o acceso, protexendo os datos e a intimidade da poboación. Nas máquinas cóllese un tícket que indica o andar, porta e quenda para a consulta. Quendas implica que a persoa que acude á cita solicitada acceda xa á información correspondente á súa visita recopilada nun só tícket, cando chega ó centro sanitario, evitando as dúbidas de a onde acudir e se ten que avisar ou non da chegada.
Coa súa Tarxeta Sanitaria xa recolle as indicacións nas máquinas habilitadas para iso, que imprimen un papel co andar, e cos códigos da consulta á que hai que se dirixir e a quenda correspondente. Este rexistro nas máquinas permite igualmente que os profesionais xa identifiquen que o paciente está na sala, polo que non é necesario dar conta de que se ten chegado á cita. Na sala de espera, unha pantalla reflicte eses códigos, e indica cando corresponde o inicio da atención e a que porta dirixirse. En paralelo, o listado de códigos de citas vanse movendo cun son de aviso, para alertar o paciente que espera pola súa quenda.
Quendas permite rematar co uso do nome e apelidos do paciente para o chamamento, preservando a confidencialidade da persoa. Ademais, axúdalle tamén na orientación xa que lle di, segundo o caso, a que andar do centro sanitario dirixirse, e a porta concreta na que lle corresponde a atención. Esta persoa sabe así a sala á que dirixirse, a porta, e como vai o chamamento. Igualmente, evita, igualmente ó usuario a incerteza de saber se ten que esperar a que o chamen, ou ben avisar da chegada. Pola súa banda, o profesional sabe xa así cando chegou o paciente que lle corresponde, e que está na sala, o que lle permite chamalo directamente. Dálle liberdade tamén para que, se ten que facer unha actividade intermedia con ese paciente -probas ou resultados para o diagnóstico- poñelo en espera, e volver chamalo cando o precise. Este sistema tamén simplifica os trámites no caso de que sexa necesaria a atención dobre de facultativo e de Enfermaría, xa que permite a emisión da dobre cita.
Con este segundo chanzo estes días, a incorporación de dúas novas columnas de quendas nos hospitais Naval e Marcide, mellórase e unifícase tamén o sistema de acceso á petición de quenda nos Servizos de Admisión.
 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss