Sanidade edita un folleto con recomendacións para previr a lexionelose nos fogares
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
02 02 2019
A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, vén de editar un folleto divulgativo sobre a prevención da lexionelose nos fogares. O documento non só recolle unha serie de recomendacións que os particulares poden adoptar nos seus fogares para previr a lexionelose, senón tamén unha breve explicación sobre a enfermidade pulmonar causada pola bacteria legionella e os mecanismos de transmisión.
 
As medidas recomendadas pola Dirección Xeral de Saúde Pública para evitar o contaxio da lexionelose nos fogares son moi sinxelas. Entre elas cabe destacar o manter limpos os difusores de duchas e billas, limpalos con cepillo, cando menos unha vez ao ano, e desinfectalos con 10 pingas de lixivia diluída nun litro de auga durante 30 minutos. Tamén convén utilizar difusores de pinga grosa, é dicir, con buratos grandes.
 
Se o fogar dispón dun acumulador de auga, convén manter a temperatura do mesmo por riba dos 60ºC e non apagalo pola noite. Tamén convén abrir as billas de pouco uso (como poden ser as dos aseos sen uso, billas do garaxe...) unha vez á semana, deixando que a auga, tanto fría como quente, corra uns minutos. En caso de ausentarse do domicilio durante un tempo (días, semanas...) convén á volta, abrir todas as billas e deixar correr a auga un pouco.
 
Outra das recomendacións que fai a Dirección Xeral de Saúde Pública para evitar o contaxio da lexionelose nas nosas casas é realizar un mantemento profesional axeitado de todos os elementos e cambiar aqueles que se atopen en mal estado (oxidados, rotos...). No caso de que se faga algunha obra de fontanería no domicilio ou que se modifique a instalación, convén non deixar tubaxes que non teñan saída de auga ou que faciliten o estancamento desta.
 
En total, a Dirección Xeral de Saúde Pública editou 400 folletos impresos. Ademais, calquera persoa que o desexa tamén pode consultar o documento a través da web do Sergas, no apartado de Saúde Pública.
 
Transmisión da bacteria
A lexionela é unha bacteria que vive habitualmente en augas superficiais e que está presente, de xeito natural, nas augas de ríos, encoros, pozos, mananciais, depósitos... Dende aí pode chegar á auga das nosas casas, a través do abastecemento. Non se transmite nin ao beber auga, nin por inxerir alimentos, nin de persoa a persoa (sá ou enferme), nin a través dos animais.
A exposición das persoas a dita bacteria pode producir a lexionelose no caso de respirar aerosis, é dicir, pingas moi pequenas de auga con aire, que se producen sobre todo nas duchas. A lexionella protéxese da acción dos desinfectantes cando existe biofilm ou incrustacións nas paredes interiores das tubaxes e o rango de temperaturas da auga nas que medra é de 20ºC-45ºC, sendo a máis favorable son 37ºC.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss