ALMUIÑA SOLICITA AO MINISTERIO DE SANIDADE AUMENTAR EN TORNO AO 26% AS PRAZAS MIR DE MEDICINA DE FAMILIA E UN 23% AS PRAZAS DE PEDIATRÍA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
04 02 2019

 

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, reiterou a necesidade de aumentar en torno a un 26% as prazas MIR de medicina de familia e un 23% as prazas de pediatría con respecto do exame MIR de 2017. En concreto, solicitou acadar na próxima convocatoria as 124 prazas para a especialidade de medicina de familia e incrementar en seis prazas a de pediatría (ata un total de 26 prazas MIR desta especialidade).
Nunha reunión celebrada esta tarde coa ministra de Sanidade, María Luisa Carcedo, Almuiña falou da necesidade de tomar medidas urxentes ante a falta de especialistas. Neste senso, destacou que as comunidades autónomas deben facer un esforzo e facilitar ao Ministerio de Sanidade as prazas que considera prioritarias, que no caso de Galicia son as de medicina de familia e pediatría.
Almuiña asegurou que dende o Ministerio de Sanidade comprometéronse a responder e confirmar antes de xullo se estas prazas serán acreditadas e así poder ofertalas na próxima convocatoria MIR, un total de 124 prazas de medicina de familia e 26 de pediatría que serían o máximo histórico da nosa comunidade.
Esta actuación permitiría dispoñer destes especialistas dentro de catro anos, período no que se espera unha maior carencia destes profesionais pola concesión de prórrogas na idade de xubilación en moitos dos servizos de saúde. Tamén paliaría a brecha existente entre graduados en medicina e prazas MIR ofertadas.
A eliminación da taxa de reposición para as especialidades deficitarias é outro dos asuntos abordados no encontro. Almuiña destacou que nas especialidades de medicina de familia e pediatría temos unha taxa de reposición entorno a un 100-108% pero é insuficiente para recuperar as prazas que durante a crise non se puideron convocar. A eliminación da taxa de reposición permitirá dar máis estabilidade aos profesionais que agora mesmo están traballando sen vínculo laboral fixo.

 

O conselleiro tamén reiterou á ministra de Sanidade a redución dos prazos de tramitación e resolución dos expedientes de homologación de títulos de especialistas extracomunitarios. Na reunión tamén se abordou a posta en marcha dun Rexistro Estatal de Profesionais sanitarios, que permitirá mellorar a planificación de profesionais a nivel estatal e coñecer a necesidades de especialistas.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss