O Sergas acorda cos sindicatos limitar o ámbito xeográfico para os novos contratos de continuidade
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
07 02 2019

O Servizo Galego de Saúde e os sindicatos concretaron hoxe na reunión da comisión de seguimento o ámbito xeográfico do novo contrato de continuidade, que se axustará á subdivisión dos 14 distritos en varias zonas menores, en función das necesidades asistenciais, e concretará o centros de saúde nos que lles corresponderá cubrir as substitucións. Cada unha das zonas de referencia rexerá como límite máximo de referencia para o desenvolvemento da súa actividade, segundo o acordado coas organizacións sindicais.

O novo contrato de substitución suporá para os profesionais unha maior estabilidade laboral, así como a equiparación de dereitos tales como vacacións e retribucións.

Esta planificación quedou definida no marco dunha reunión celebrada esta mañá entre representantes do Sergas e dos sindicatos. No encontro tamén quedou constituída a Comisión de Seguimento contemplada no acordo do nomeamento eventual de continuidade, unha nova modalidade contractual para realizar substitucións que foi respaldada na mesa sectorial de Sanidade polas organizacións sindicais CESM-OMEGA, UGT e CSIF.
 
A limitación territorial acordada cos sindicatos realizouse tendo en conta criterios xeográficos e tamén outros aspectos como a poboación asignada, os cadros de persoal e as necesidades asistenciais de cada unha das zonas referidas. Cada contrato de traballo que asine o profesional especificará o centro ou centros de saúde acordados, e sempre dentro do límite máximo da zona na que estean incluídos. Cómpre lembrar que estes nomeamentos son de carácter voluntario e contempla unha duración mínima dun ano e máxima de tres.
 
Melloras para profesionais e para o atención sanitaria
O novo contrato de continuidade está dirixido ás categorías de medicina de familia e pediatría de atención primaria e persegue unha maior estabilidade do persoal o que redundará, sen dúbida, nunha mellor atención sanitaria e nunha maior fidelización dos recursos humanos dispoñibles.
 

Mediante os nomeamentos de continuidade preténdese, tamén, ofrecer aos profesionais sanitarios interesados nesta modalidade de nomeamento un período de estabilidade no emprego maior que o ofrecido ata o momento. Os profesionais tamén melloran en igualdade de dereitos tales como vacacións, permisos, descansos e xornada, e melloran en igualdade de retribucións, con complemento de produtividade fixo e variable.

Xunto con todo o anteriormente sinalado o novo contrato posibilita unha adecuada cobertura das incidencias de persoal, proporcionando un servizo máis eficaz, á vez que se aumenta a eficiencia e se garante unha continuidade na prestación de servizos.
 
Estes nomeamentos permitirán dispoñer dun número razoable de persoal de reforzo  que se destinará á cobertura das necesidades asistenciais que se produzan nos centros que se indiquen no seu nomeamento, posibilitando o obxectivo de garantía do funcionamento permanente e continuado dos mesmos. Igualmente, posibilítase o cumprimento de mellora da calidade asistencial e estabilidade do emprego demandada polos profesionais.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss