PROFESIONAIS DA XERENCIA INTEGRADA DE FERROL ACHÉGANSE NUNHA SESIÓN ÁS DISTINTAS FERRAMENTAS EN INVESTIGACIÓN E INNOVACIÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
14 02 2019

Os e as profesionais da Xerencia Integrada de Ferrol reuníanse esta mañá no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol nunha sesión na que abordaron diversas cuestións relacionadas coa investigación e a innovación da área sanitaria ferrolá, e na que tódolos relatores coincidiron na necesidade de xerar novas ideas e proxectos que beneficien á poboación e que lle faciliten o traballo ós propios profesionais.
 

Interviron a especialista en Dixestivo do Complexo ferrolán, Ana Echarri Piúdo, como presidenta do recentemente actualizado Comité Técnico de Investigación Sanitaria; Patricia Rey Pérez, como directora da Fundación Profesor Novoa Santos, que aglutina xestión da investigación e a innovación das xerencias coruñesa e ferrolá; e, tamén, o cirurxián do Complexo Universitario de Ferrol, Ramón López de los Reyes; e o cardiólogo, Emiliano Fernández-Obanza Windscheid, como membros do Nodo de Innovación que existe na área sanitaria ferrolá.
 

Comité Técnico de Investigación Sanitaria
Ana Echarri Piúdo abriu a sesión indicando que o espazo dedicado á docencia e á investigación do portal dos traballadores recolle os recursos e as becas coas que poder fomentar investigación, tanto polo feito mesmo de investigar, como o de formarse na súa abordaxe. Deu conta do actualizado comité que é unha “comisión interdisciplinar de carácter consultivo que asesora á dirección en materia de investigación biomédica e de ciencias da saúde, coa finalidade de promover a calidade científica e investigadora no ámbito da Xerencia de Xestión Integrada de Ferrol”.
 

Este comité configurábase como é na actualidade o pasado mes de maio, e está formado por un total de 14 profesionais de distintos ámbitos. A súa misión, explicou é promover e desenvolver accións informativas e formativas que permitan dar a coñecer a investigación sanitaria que se leva a cabo na Xerencia, no Sergas e noutras institucións de interese; así como, potenciar a participación dos profesionais nas distintas áreas e grupos de investigación para favorecer a súa formación e desenvolvemento profesional.
 

Fundación Novoa Santos e Nodos de Innovación
Pola súa banda, Patricia Rey Pérez afondou nas distintas cuestións útiles para o profesional que se quere introducir no eido da investigación, incidindo especialmente nos residentes, para que dende o inicio da súa formación teñan en conta esta posibilidade. A directora da Fundación Profesor Novoa Santos falou das solicitudes a tramitacións para a propiedade intelectual dos traballos, a xestión dos recursos humanos, das distintas convocatorias, e das axudas que que están en marcha a nivel nacional e autonómico para abordar investigacións de distinta índole.
 

Por último, dous profesionais da trintena que están actualmente a participar expuxeron o que se está a facer no marco dos Nodos de investigación. Os nodos son unha ferramenta para facilitar e promover a achega de ideas por parte dos profesionais sanitario de Galicia, á Plataforma de Innovación Sanitaria. Están formados por profesionais con inquedanzas en aplicar melloras ó sistema sanitario. Existen en tódalas xerencias sanitarias e poden compartir aqueles proxectos que resulten interesantes para todo o sistema sanitario. O nodo da área sanitaria ferrolá activábase no ano 2014.
 

A súa concepción parte da necesidade de tecer unha rede flexible que permita que “os profesionais actúen como intraemprendedores capaces de promover a mellora continua de todo o sistema achegando ideas concretas”. Como indicaba esta mañá un dos dinamizadores dos nodos, Ramón López de los Reyes, trátase de que “calquera profesional poida participar, xa que é un sistema aberto e proactivo, e presentar unha idea” que resulte beneficiosa para a poboación ou para os propios profesionais.
 

O especialista en Cardioloxía do Complexo, Emiliano Fernández Obanza, exemplificou para o resto dos compañeiros presentes na sesión un proxecto xa materializado e desenvolvido no marco destes Nodos: a conversión do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol no primeiro Hospital Cardioprotexido de Galicia. Este profesional relatou como tras conseguir un grupo de desfibriladores, decídese situalos en diferentes lugares estratéxicos do Complexo e activar formación para os profesionais no manexo dos mesmos. Ó sumar esa dotación técnica e o adestramento, configúrase un centro hospitalario Cardioprotexido. O obxectivo do proxecto era actuar o antes posible se se produce unha parada cardiorrespitaria nos hospitais, xa que o tempo de actuación nunha morte súbita incide na porcentaxe de supervivencia trala mesma.
 

Apoio metodolóxico
Por outra banda, lembrar que, en maio do pasado ano asinábase un acordo coa Universidade da Coruña polo que se conta con asesoramento estatístico para actividade investigadora. O convenio establecía as bases de colaboración entre o Departamento de Matemáticas da Universidade de A Coruña e a Xerencia Integrada de Ferrol para mellorar a metodoloxía de investigación e a aplicación de criterios estatísticos na actividade investigadora. Este apoio, que tamén se mencionou na sesión de hoxe, consiste na realización de actividade formativa e de asesoramento estatístico nas distintas fases de desenvolvemento dos traballos investigadores para o persoal da Xerencia, durante cinco horas semanais, entre os meses de setembro e xullo. A xestión deste apoio técnico, deseño e análise de datos realizarase a través da Fundación Profesor Novoa Santos, coa que haberá que contactar, como con outros aspectos relacionados coa investigación na área. De feito este asesoramento estatístico súmase e completa o apoio metodolóxico que xa existe na actualidade no marco da Fundación.
 

Investigación na Xerencia Integrada de Ferrol
O Comité Técnico Sanitario de Investigación e o Nodo de Innovación da Xerencia de Xestión Integrada de Ferrol son, polo tanto, órganos encargados de promover, regular e impulsar toda a investigación que se desenvolve na área sanitaria, tanto a investigación básica aplicada como a clínica; e teñen como obxectivo facilitar que o persoal realice investigación biomédica, formar ó persoal na metodoloxía científica, e participar no deseño das liñas de investigación. Como xa se dixo, a Fundación Profesor Novoa Santos ocúpase da investigación no ámbito do norte de Galicia e cubre as áreas de A Coruña e Ferrol, e entre os seus fins fundacionais está impulsar a docencia e a investigación.
Neste marco, na Xerencia Integrada de Ferrol, abríronse un total de 24 novos estudos durante o pasado ano 2018, dos que 11 son ensaios clínicos e 13 estudos observacionais. Os ensaios clínicos soen realizarse con medicamentos experimentais aínda non comercializados para valorar a súa eficacia, seguridade ou viabilidade. Tamén pode abranguer produtos sanitarios ou novas técnicas. Na actualidade, os ensaios en marcha na área sanitaria están todos relacionados con medicamentos. Pola súa banda, os estudos observacionais son estudos de carácter estatístico e demográfico no ámbito biomédico. Pódense facer tamén estes estudos en base a un medicamento ou produto comercializado ou a unha técnica existente; e, incluso, a datos demográficos de pacientes cunha determinada patoloxía. Xunto con isto, mencionar tamén que profesionais da área sanitaria publicaron un total de 136 artigos en revistas especializadas en ciencias da saúde, durante o pasado ano.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss