Sanidade elaborará unha guía de fisioterapia para atención primaria
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
14 02 2019

Sanidade elaborará ao longo deste ano e implementará unha guía de fisioterapia en atención primaria. Esta iniciativa é unhas das propostas realizadas aos grupos de traballo de mellora da atención primaria cos que a Consellería de Sanidade está a traballar para reformular o primeiro nivel asistencial. Así o destacou hoxe o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, no marco da primeira xornada da Sociedade Galega de Fisioterapeutas (SOGAFI), centrada na aproximación interdisciplinar á persoa con dor, evento que ten lugar no Hospital Álvaro Cunqueiro.

Neste foro, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego dixo que a dor é a segunda causa de consulta en atención primaria e máis do 50% das consultas están relacionadas coa dor crónica, presentando ademais unha distribución desigual en razón do sexo, xa que se estima que o 61% das persoas que a presentan son mulleres.
 
Novo modelo atención primaria
Almuiña remarcou que, nos últimos meses, o seu departamento decidiu avanzar na definición dunha nova forma de traballo en atención primaria, definindo un modelo diferente ao actual, que estableza as competencias de cada categoría profesional e sexa capaz de distribuír aos pacientes entre os profesionais que ofrezan a mellor solución ás súas necesidades.
 

“Debemos entender o centro de saúde como un lugar onde traballamos en equipo, un equipo cohesionado e organizado que se articula ao redor do paciente e que establece un traballo conxunto para abordar a actual situación de incremento da cronicidade, que está actuando como un novo elemento dentro do día a día dos equipos de atención primaria”.

Dende o inicio da definición do novo modelo tivemos claro, -dixo o conselleiro-, que a fisioterapia debía formar parte destes grupos de traballo e así foi como foron convidados  ao grupo diferentes profesionais de cada xerencia sanitaria, un representante do colexio de fisioterapeutas e outro da Sociedade Galega de Fisioterapia. Xuntos aportaron a súa visión e propostas de cambio para mellorar a atención primaria. Ao respecto, Almuiña agradeceu aos membros do grupo o compromiso amosado e as propostas que aportaron.

Entre as propostas realizadas, ademais da elaboración e implementación da guía, o conselleiro sinalou o incremento da participación nos protocolos que dende o Sergas se publiquen dentro da área de fisioterapia, ou a colaboración dende un punto de vista máis preventivo do paciente crónico.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss