O Sergas reformará de xeito integral o Hospital Comarcal de Monforte de Lemos, cun investimento de 15 millóns de euros
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
22 02 2019

​O Servizo Galego de Saúde reformará de xeito integral o Hospital Comarcal de Monforte de Lemos, para dotalo de espazos máis amplos, modernos, funcionais e adaptados ás novas necesidades asistenciais. As obras suporán actuar sobre unha superficie duns 10.000 metros cadrados, nas que a Xunta de Galicia investirá uns 15 millóns de euros. Esta actuación enmárcase no compromiso da Consellería de Sanidade de potenciar os hospitais comarcais e acercar a asistencia especializada a todos os cidadáns.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, acompañado do xerente de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos, Ramón Ares Rico, e do xerente executivo do Hospital de Monforte, Iván Sanz Falque, presentou esta mañá en Monforte o plan director de reforma integral do Hospital de Monforte aos alcaldes da área sanitaria, así como aos profesionais do hospital. 
 
Almuiña deu a coñecer o plan director que rexirá as obras que se van levar a cabo no Hospital de Monforte, e nas que se se inclúen a creación de novas unidades de hospitalización, a creación dun novo Hospital de Día de Oncoloxía e dun Hospital de Día Polivalente, a creación de novos gabinetes de exploración; a reordenación e adaptación da área de consultas externas; a reforma do Servizo de Farmacia; a adquisición de novo equipamento, tanto para o Servizo de Farmacia como para o de Anatomía Patolóxica, e a reforma e reordenación do Servizo de Urxencias do hospital monfortino, entre outras actuacións.
 
En total, actuarase sobre o 100% da área de hospitalización (máis de 4.000 metros cadrados que serán totalmente renovados), e sobre un 70% da superficie do edificio máis antigo do Hospital de Monforte, ademais de sobre as fachadas e carpinterías exteriores. Tamén se mellorará a eficiencia enerxética do edificio.
 
Tal e como adiantou o conselleiro de Sanidade a reforma integral do Hospital de Monforte acometerase en varias fases, coa fin de interferir o menos posible no normal funcionamento do centro hospitalario. Trátase dunhas obras moi importantes para o Hospital de Monforte xa que permitirán reordenar e reformar case por completo uns 10.000 metros cadrados do hospital e que afectarán á maioría dos servizos e áreas do centro para facelos máis amplos, funcionais e adaptados ás novas necesidades asistenciais. Deste xeito, servizos como os de urxencias, consultas externas, farmacia, gabinetes de exploración, anatomía patolóxica, Hospital de Día de Oncoloxía ou as plantas de hospitalización, entre outros moitos, serán renovados e, nalgúns casos, ampliados.
 
As actuacións que se levarán a cabo nas distintas unidades de hospitalización contemplan reformar por completo as plantas nas que ingresan os pacientes, para crear unidades de hospitalización totalmente novas, con habitacións máis amplas e máis confortables, algunha delas de uso individual. Ademais, crearanse controis de enfermería máis amplos en cada unidade, e as unidades de apoio necesarias para cada unha delas.
 
Cada unha das unidades de hospitalización contará con 14 habitacións con baño, unha sala de curas/técnicas, un control de enfermería, unha sala de información para familiares, unha sala de traballo de persoal, unha sala de estar, varios almacéns (farmacia, lencería), un oficio de comidas, dous aseos para o público e dous para persoal, unha sala de estar para familiares, un despacho e zonas comúns.
 
Novo Hospital de Día de Oncoloxía e un Hospital de Día Polivalente
O proxecto de reforma integral do Hospital de Monforte tamén contempla a construción dun novo Hospital de Día de Oncoloxía, que contará cunha nova localización dentro do centro hospitalario e unha superficie dispoñible maior ca do actual. O novo Hospital de Día Oncohematolóxico disporá de 13 postos de tratamentos, un local de illados, dúas consultas médicas, unha consulta de enfermería, entre outros servizos complementarios, como farmacia, controis de enfermería, salas de espera, almacéns, baños e vestiarios.
 
O Hospital de Día de Oncohematoloxía creado polo Sergas no Hospital de Monforte permite atender neste centro toda a patoloxía oncolóxica dos pacientes da área sanitaria sur da provincia, sen necesidade de que estes teñan que desprazarse a outros centros hospitalarios. Cada ano aplícanse nel máis de 6.000 tratamentos contra o cancro, o que se traduce noutras tantas viaxes evitadas a pacientes desta zona da provincia. Ademais, cada paciente é atendido por un oncólogo especializado na súa patoloxía concreta, de xeito totalmente personalizado, o que garante a todos os pacientes da provincia a mesma calidade na atención.
 
O plan director das obras que se van a levar a cabo no Hospital de Monforte tamén prevé a creación dun Hospital de Día Polivalente, que contará cunha ampla sala de tratamentos, con dez postos e unha consulta para illados, ademais doutros servizos.
 
En total, o novo Hospital de Día Oncohematolóxico e Polivalente pasará dos 160 metros cadrados actuais a dispor, tralas obras de reforma, dunha superficie útil dispoñible de 390 metros cadrados.
 
A reforma do Hospital de Monforte recolle, así mesmo, a creación de novos gabinetes de exploración de Dixestivo, Cardioloxía, Xinecoloxía e Obstetricia e Pneumoloxía, coas súas áreas de apoio correspondentes. Así, no novo gabinete de exploracións de Dixestivo haberá dúas salas de endoscopias, consultas, unha sala de preparación/ técnicas con control propio, unha sala de lavado, almacéns, vestiarios e sala de espera. Pola súa banda, na área de Cardioloxía disporase dunha consulta de cardioloxía e dous gabinetes para probas cardiolóxicas, entre outros servizos complementarios.
 
Na de Xinecoloxía e Obstetricia crearanse catro consultas para xinecoloxía e obstetricia, con gabinetes de técnicas específicas, aseos, vestiarios e salas de espera.  E, finalmente, na área destinada a Pneumoloxía crearase unha consulta da especialidade e un gabinete de técnicas específicas/espirometrías, entre outras áreas de apoio.
 
Unha da actuacións máis amplas das previstas, xunto coa reforma das plantas de hospitalización, creación de novos gabinetes de exploración e creación dos hospitais de día, serán a reforma integral e reordenación da área de consultas externas do Hospital de Monforte, na que se modernizarán e reformarán as consultas existentes, á vez que se agruparán por servizos e se homoxeneizarán zonas comúns das mesmas.
 
Tamén se prevé a reforma e reorganización do Servizo de Urxencias do hospital, que afectará principalmente á súa área de observación,  así como do Servizo de Farmacia, cuxas melloras se centrarán especialmente na área de preparación de medicamentos e no de Anatomía Patolóxica. O Sergas adquirirá equipamento novo para estes servizos e adaptaranse as instalacións ás necesidades actuais.
 
Unha vez concluídas as obras, o Hospital de Monforte de Lemos presentará espazos máis amplos e funcionais, unha área de hospitalización completamente renovada, ao igual que a área de consultas, hospitais de día, farmacia, etc, o que dá mostra, -apuntou o conselleiro de Sanidade-, da importancia que para o departamento sanitario da Xunta de Galicia teñen os hospitais comarcais, pola súa proximidade ao cidadán, e da aposta do Goberno galego por acercar a atención especializada aos usuarios, ofrecéndolles uns servizos sanitarios avanzados e de calidade. 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss