O Sergas reformará o hospital para ampliar as áreas de consultas, oncoloxía, cirurxía maior ambulatoria e farmacia
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
26 02 2019

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vazquez Almuiña, visitou hoxe o Hospital Comarcal de Valdeorras, para presentar o plan de actuacións de mellora e ampliación, que permitirá renovar e aumentar o espazo dispoñible nas Área de Consultas Externas, Hospital de Día Onco-Hematolóxico, Farmacia e Cirurxía Maior Ambulatoria, entre outros investimentos, cun orzamento previsto de 994.800 euros.

Estas obras de reforma compleméntanse cun importante investimento en equipamento médico e mobiliario, ademais dunha total renovación da fontanería, climatización e mellora das comunicacións verticais, coa instalación dun novo ascensor-montacamas e a reestruturación da Área de Urxencias-Punto de Atención Continuada, para unha mellor funcionalidade, xa en execución.
 
Entre o equipamento previsto destaca a adquisición dun novo ecógrafo para uroloxía, unha cama de partos, unha cabina de fluxo laminar vertical (para a preparación de nutrición enteral e citostáticos, medicamentos empregados en quimioterapia), así como diferente mobiliario destinado ás áreas de recepción e espera de pacientes.
 
Reforma e ampliación das Consultas Externas
Unha das actuacións posiblemente mais agardadas polos usuarios e profesionais do HCV será a reforma e ampliación da Área de Consultas Externas, unha das áreas mais antiguas do centro, e que permitirá adaptar estes espazos ás novas necesidades asistenciais.
As obras permitirán mellorar a distribución e confortabilidade das salas de consulta e áreas de espera; mellora da climatización; accesos e área de pacientes da Resonancia Magnética móbil; reforma da área de citación; da sala de endoscopias, instalación dun sistema de quendas automatizado para acceso a consulta; e mellora da comunicación vertical, para facilitar o acceso de pacientes ingresados coa instalación dun novo ascensor-montacamas. O custo aproximado destas obras e equipamentos ascenderá a 231.000 €.
 
Ademais das consultas, neste intre está xa en marcha a reestruturación da Área de Urxencias-PAC que permitirá a separación destes dous niveis asistenciais mellorando a súa operatividade, para o que se están a reformar unha consulta, a espera de pacientes e un almacén de padiolas.
 
Oncoloxía e Cirurxía Maior Ambulatoria
Outra das actuacións previstas no plan será a reforma e ampliación do Hospital de Día Onco-Hematolóxico, centrado na mellora da confortabilidade dos pacientes, no seu paso por consultas, ampliando estas e os postos de atención dentro da unidade, ademais de reformar as áreas de paso e aseos, para seu uso adaptado. O conxunto de actuacións representará un investimento de 230.000 euros.
 
Do mesmo xeito, a unidade de Cirurxía Maior Ambulatoria contará cunha nova área de adaptación ao medio, que contará cun orzamento de 150.000 euros para habilitar unha zona de preparación e recuperación dos pacientes antes e despois da cirurxía, o que permitirá a inclusión de novos procedementos cirúrxicos nesta modalidade ambulatoria, que evita o ingreso e que, na provincia de Ourense, representa xa máis da metade das intervencións que se realizan anualmente.
 
Tan só o pasado ano, o Hospital Comarcal de Valdeorras realizou un total de 1.672 intervencións de Cirurxía Maior Ambulatoria. Por servizos, o que máis emprega este tipo de abordaxe é Oftalmoloxía, que realiza a totalidade de operacións directamente sen ingreso -o que supón case a metade de todas as realizadas por esta vía- ademais de diversos procedementos de Uroloxía, Cirurxía Xeral, Traumatoloxía e Xinecoloxía.
 
Os beneficios deste tipo de técnicas, que cada día poden ser empregadas en circunstancias clínicas mais complexas, e polo tanto nun maior número de pacientes, fan que, súa potenciación e incremento, sexa un obxectivo asistencial estratéxico da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, polo que ten por obxectivo acometer estas melloras estruturais tamén nos hospitais de Ourense e Verín.
 
Xunto a estas, tamén está previsto acometer a mellora da área de partos. Para elo, dotarase esta área cunha cama de partos, que permita os movementos asistidos, sen necesidade de traslado da muller na fase expulsiva.
 
Mellora de Laboratorio e Farmacia
No seu paso polo Comarcal de Valdeorras, Almuiña visitou tamén os laboratorios, que veñen de ser reformados e contan, desde o pasado mes de xaneiro, con novo equipamento avanzado, que mellora a automatización de procesos de cara a axilizar estes. No mesmo período, tamén rematouse parte da reforma das instalacións de fontanería, dalgunhas das áreas mais antiguas do centro, que continuarán ao longo deste ano ata culminar a súa plena renovación.
 
O Plan presentado hoxe tamén contempla a reforma da área de Farmacia, cun investimento de 140.000 € para mellorar o sistema de regulación de presión, e a estrutura das salas “limpas”, para a preparación de preparados citostáticos e de nutrición enteral, onde se instalará a nova cabina de fluxo laminar vertical.
 
Entre outras actuacións a Xerencia tamén recolle no seu plan de necesidades para o HCV a reforma da cociña, renovando o chan e o sistema de extracción, xunto con pequenas actuacións de mantemento nas cámaras de frío; realizar unha auditoría de eficiencia enerxética e a climatización e reforma da área de lavado de esterilización e endoscopias en punto de uso.
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss