OS SETE SERVIZOS CERTIFICADOS EN CALIDADE DA XERENCIA INTEGRADA DE FERROL RENOVAN AS SÚAS CERTIFICACIÓNS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
07 03 2019

Os servizos certificados no Sistema de Xestión de Calidade -Lavandería, Farmacia, Análises Clínicas, Subministros, Microbioloxía, Admisión e Documentación Clínica e Formación renovan as súas certificacións pola norma UNE EN ISO 9001:2015. Esta norma afonda máis na análise de riscos, cunha visión máis global do entorno de cada un dos servizos, e unha implicación aínda máis ampla e explícita do equipo directivo. Representantes destes servizos recollían esta mañá os certificados de mans do responsable da Xerencia Integrada de Ferrol, Ángel Facio Villanueva nunha xuntanza para tódolos profesionais, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. O xerente destacaba a importancia do “traballo colectivo que fixo durante os últimos anos que Ferrol destaque nos ámbitos da calidade”.

 

O nome da sesión de hoxe, “Certificación ISO 9001 en xestión de calidade: 20 anos e novos retos”, xa dá conta da longa traxectoria desta área no ámbito da calidade. Traballar cun sistema de xestión de calidade, indican dende a Unidade de Calidade da Xerencia Integrada de Ferrol, supón que os servizos traballan recollendo toda a información relativa a esas tarefas, e realizan unha análise continua das mesmas. Implica que teñan ferramentas de control sistemático, analizando e planificando moito máis as actividades. As entidades certificadoras emiten un certificado se os servizos ou departamentos cumpren tódolos requisitos, e tras tres anos, con visitas de mantemento, avalían novamente. Esta recertificación implica que se seguen a cumprir criterios de calidade, e a norma actual leva consigo unha análise máis ampla do Servizo Certificado,  non só interna, se non do seu contexto externo, político, económico, social e tecnolóxico (análise PEST); e planifican en base a unha análise de debilidades e fortalezas, entre outras cuestións (análise DAFO).
 

Un dos cambio máis significativos na actual norma coa que conseguen recertificarse é a análise fonda de riscos, no que se ponderan como algo continuo, estruturándose en base a unha serie de escalas de probabilidade, o que fai que podas enfrontar os riscos de maior gravidade con maior celeridade. Faise a través da ferramenta AMFE (Análise Modal de Fallos e Efectos).
 

Pulo á calidade na área sanitaria ferrolá
Lembrar a aposta que se ten feito na área sanitaria de Ferrol por traballar con criterios de calidade. Conta co primeiro servizo de Lavandería de España en obter un certificado de xestión de calidade, en febreiro do 2000; Farmacia, que foi tamén o primeiro en toda España, en marzo do ano 2001; o Laboratorio de Análises Clínicas era o primeiro do Servizo Galego de Saúde, en decembro de 2001; Subministracións, que se certificou no 2007; Microbioloxía, no ano  2012; Admisión e Documentación Clínica, no ano 2015; e Formación Continuada, no ano 2017, tamén o primeiro departamento de formación de Galicia en se certificar. Ademais, foise evolucionando, adaptándose ás distintas circunstancias acaecidas ao longo dos anos, como o paso da norma ISO 9002:1994 á normativa ISO 9001:2000; ou a adaptación de toda a sistemática de calidade establecida, á estrutura derivada da creación da Área Sanitaria de Ferrol; a adaptación á ISO 9001:2008; ou, por último, a adaptación recente á ISO 9001:2015.
 

O Sistema de Xestión de Calidade é un sistema vivo, que evoluciona en función das necesidades e circunstancias asistenciais da propia área, e certifica o compromiso da Dirección e de tódolos profesionais coa calidade. Neste senso, dende a Xerencia recoñécese a importancia da implicación do persoal dos Servizos certificados, ós que aproveitou para felicitar e render unha homenaxe expresa esta mañá polo traballo continuado que deriva, en último termo, nunha mellor asistencia á poboación da área.
 

En que se materializa a norma para a poboación
A norma implica que se cumpren criterios e se define a política de calidade. Defínese a filosofía neste ámbito e unha misión, unha visión e uns valores, que son públicos para a cidadanía e ós profesionais no Manual de Calidade da Xerencia Integrada de Ferrol. A través deles, a Xerencia Integrada de Ferrol “comprométese á prestación de servizos sanitarios de calidade, accesibles e seguros”; a súa visión é “converterse en líder con respecto á calidade e a seguridade”, e buscando “a implicación dos cidadáns coa institución”; e os valores fundamentais son, entre outros, “a orientación da actividade cara o paciente, cunha atención cada vez máis humanizada, e un compromiso global”. Uns carteis informativos distribuídos nos centros sanitarios recollen esta misión, visión e valores.
 

Cada servizo materializaba esta mañá o valor de traballar cun sistema de xestión de calidade. A título ilustrativo, dende Lavandería destacaron que, despois de 20 anos de traxectoria, “seguimos comprometidos co sistema e afrontando novos retos, como o traslado da Lavandería” ó Hospital Naval no marco do Plan Director. “A implicación de tódolos profesionais da unidade en cumprir os estándares fixados aporta seguridade na práctica diaria”. Dende Farmacia, destacaron a “creación dunha cultura de calidade e seguridade”, xa que “Ferrol optou por formar ós profesionais propios neste eido dende os inicios”, e onde “cada membro do equipo, que é o verdadeiro artífice da mellora continua, se sinta involucrado”. O enfoque proactivo da norma “permite adiantarse a erros”, engadiu.
 

Dende o Laboratorio de Análises Clínicas, incidiron no reto de ser o primeiro en se certificar de Galicia e o esforzo extra que iso implica, pero traballar así, matizaron, “axudou a formar un equipo cohesionado”, “centrado no paciente e a súa seguridade”, e “con protocolos establecidos que axudan ó traballo”. Dende Subministros afirmaron que a a análise constante de indicadores e riscos establecidos repercute en accións de mellora e ”nunha información constante que nos permite actuar”, en beneficio da organización, dos e das traballadores, e dos pacientes da área. Dende Microbioloxía, subliñaron o compromiso do persoal para “adaptarnos ás necesidades dos pacientes”. Os procesos realízanse de xeito sistemático, garantindo a trazabilidade das mostras e a seguridade nos resultados o que nos permite identificar riscos e abordalos.
 

Pola súa banda, dende Admisión e Documentación Clínica entenden o sistema de xestión de calidade como “unha ferramenta que lles permitiu estruturar e comprender mellor o funcionamento do propio servizo, e unificar e normalizar procedementos de traballo”. Dende Formación, consideran que a certificación é un “recoñecemento ó traballo realizado para mellorar a formación de tódolos profesionais”, e “aporta a seguridade de saber que se está a facer o correcto. É unha alegría e un orgullo”.
 

Precisamente para exemplificar ó resto dos compañeiros e compañeiras da área, o que supón traballar en base á norma, a profesional da Farmacia, Mónica Granero López, falou da Identificación e tratamento na xestión de riscos no seu ámbito, o farmacéutico, e materializou en exemplos e datos o que supón esta norma de calidade no Servizo. “Activamos unha matriz de control de riscos e seguridade que implica, por exemplo, a Farmacovixilancia, notificar e controlar as reaccións adversas dos medicamentos, a participación activa no Sistema de Notificación e Aprendizaxe para a seguridade do paciente, Sinasp, que recolle as incidencias notificadas polos propios profesionais para poder solucionar calquera ineficiencia.
 

Referiuse tamén á xestión das alertas farmacéuticas; á participación no Núcleo de Seguridade que existe na Xerencia Integrada de Ferrol; e á xestión de calquera risco que se poida producir, por exemplo, na presentación dos medicamentos, na lexibilidade da etiqueta; con medidas para evitar confusión con medicamentos semellantes, isoapariencia, que pode conducir a administrar doses erróneas; a compra de novas especialidades farmacéuticas que se distingan por cores para as distintas doses; reetiquetado de especialidades que cambian de concentración, advertindo o cambio; ou dobre chequeo de medicamentos de alto risco, entre outras moitas cuestións.
 

Selo de acreditación QH
Por outra banda, esta mañá fíxose referencia tamén ó feito de que o Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol acadaba o pasado mes de novembro o selo de acreditación QH (Quality Healthcare) de Excelencia en Calidade Asistencial que “é un recoñecemento a aqueles centros que, preocupados pola mellora continua da calidade, teñen decidido xestionar os seus procesos de xeito adecuado, e asumir aquelas certificacións oficiais que así o avalan”. Así, “é un elemento que ofrece visibilidade ás organizacións sanitarias polos seus resultados en termos de calidade”. O selo QH outórgao o Instituto para o Desenvolvemento e Integración da Sanidade (IDIS) tras analizar, comprobar e validar as evidencias achegadas, relacionadas coa aplicación das normas de calidade no día a día.
 

É un sistema innovador que recoñece a Excelencia na Calidade Asistencial a organizacións sanitarias que “entenden a calidade como unha cultura de mellora continua”, de feito, “un dos requisitos é manter un sistema de calidade progresivo e continuo no tempo, así como obter e manter as certificacións necesarias para evidenciar as máximas garantías ós seus procesos”. Para a creación deste sistema contouse coa colaboración da Asociación Española para a Calidade (AEC); da Sociedade Española de Calidade Asistencial (SECA) e dun panel de expertos de distintas comunidades autónomas de prestixio no eido da calidade nos servizos de saúde.
 

Para que unha organización poida obter esta acreditación QH tivo que superar un “esixente proceso de avaliación”. O Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol aportou a un comité auditor tódalas certificacións que teña outorgadas polos distintos estamentos e axencias acreditadoras recoñecidas oficialmente tanto a nivel nacional como internacional”. Como indican dende este Instituto, “este distintivo pretende dar visibilidade ás organizacións que fomentan o xerar o maior grao de satisfaccións dos pacientes e profesionais”. O Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol prioriza liñas de calidade asegurando que tódolos procesos sexan óptimos, e comprométese en obter as certificacións de calidade necesarias para dotar das máximas garantías os seus procesos”. HQ certifica que os procesos e procedementos de calidade que se empregan no centro están debidamente avalados e recoñecidos oficialmente.
 
 
 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss