Preto de 11.000 aspirantes están convocados esta fin de semana ás oposicións a celador que se celebran en Silleda
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
08 03 2019

​Un total de 10.892 aspirantes están citados esta fin de semana, 9 e 10 de marzo, no Recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda (Pontevedra), para presentarse aos exames da Oferta Pública de Emprego do Servizo Galego de Saúde, na categoría de celador, para cubrir 390 prazas. Da totalidade dos aspirantes convocados, 218 participan pola quenda da discapacidade intelectual.

Neste proceso selectivo, das 390 prazas ofertadas, 144 corresponden á quenda de acceso libre, 195 á de promoción interna, 21 á de discapacidade xeral e 30 á de discapacidade intelectual.
 

Iniciaranse as xornadas de exame cos aspirantes da quenda de discapacidade intelectual. Este colectivo está convocado o sábado 9 de marzo, ás 10.00 horas, para a realización do primeiro exercicio da parte específica.

Cómpre subliñar que este é o primeiro proceso selectivo no que se habilitou unha quenda de acceso diferenciada para as persoas con discapacidade intelectual, coas pertinentes adaptacións de temarios e tempo de realización das probas que permiten a concorrencia destes aspirantes en condicións de igualdade ao emprego público, facilitando así a súa integración laboral.

Tamén se habilitou no exterior do recinto locais como sala de espera de familiares e se lle dará acceso ao interior do recinto, en concreto na zona miradoiro, a representantes das asociacións que colaboraron para o adecuado desenvolvemento das probas, entre elas Fademga, Plena Inclusión e Down Galicia. O domingo, 10 de marzo, ás 15.30 horas, examinaranse os aspirantes das quendas de acceso libre, promoción interna e discapacidade xeral, que realizarán todos os exercicios  que integran a fase de oposición.
 
Na páxina web do Servizo Galego de Saúde recóllese a información das distintas portas de acceso ao recinto e a relación de aspirantes comprendidos en cada unha delas.
 

Como en anteriores procesos selectivos, para dar cumprimento ás esixencias de obxectividade e imparcialidade na selección das persoas aspirantes, reforzáronse as medidas de seguridade coa posta a disposición dos tribunais de selección dunha plataforma securizada para a elaboración de cada un dos exercicios da fase de oposición, garantindo deste xeito o seguimento de todo o proceso, así como a selección aleatoria e automatizada das preguntas do exame.

No marco das previsións da normativa de igualdade efectiva de mulleres e homes, facilitarase a execución material das probas ás opositoras xestantes que o soliciten previamente, mediante o desprazamento dunha delegación do respectivo tribunal aos centros sanitarios onde figuren ingresadas así como o exercicio da lactación natural por aquelas aspirantes que o soliciten, habilitándose no recinto unha sala específica ao efecto.

Así mesmo practicaranse varias adaptacións de tempo e medios para a realización dos exercicios co obxecto de garantir que todas as persoas aspirantes concorran ao proceso en condicións de igualdade.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss