O Sergas asina con varias asociacións axudas por un importe de 4,3 millóns de euros destinadas á asistencia de pacientes con trastornos adictivos
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
08 03 2019

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, asinou hoxe os convenios de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e diferentes asociacións sen ánimo de lucro, para o desenvolvemento de programas de asistencia a pacientes con trastornos adictivos, por un importe de 4.330.652 euros.

No desenvolvemento destes programas, as asociacións atenderán toda a demanda xerada, respectando os principios de universalidade, anonimato, voluntariedade e gratuidade na súa respectiva área de influencia. En definitiva, realizarán a atención integral aos pacientes con trastornos adictivos e ás súas familias atendendo a criterios, guías e procedementos establecidos polo Servizo Galego de Saúde.
 
As entidades realizarán os programas previstos no proxecto do novo Plan de Trastornos Adictivos de Galicia, entre as que atopan, como medidas, a mellora na atención a persoas que padecen simultaneamente un trastorno adictivo e outro trastorno mental (patoloxía dual) e a atención de terceiro nivel (en réxime residencial) que se presta na comunidade terapéutica. Asemade, tamén se contempla a mellora na coordinación cos dispositivos da rede de saúde mental e atención primaria e a atención a novas condutas de atención clínica.
 
En concreto, as entidades destinatarias das axudas son a Asociación Cidadá de Loita contra a Droga ACLAD, que recibe 1.523.144 euros; a Asociación Ferrolá de Drogodependencias (ASFEDRO), con 844.032 euros; a Asociación Cidadá de Loita contra a Droga Alborada, con 1.356.351; a Asociación Unidade de Tratamento do Alcol e Condutas Adictivas (UTACA), con 175.175; a Asociación As Burgas, para o tratamento e rehabilitación do enfermo alcohólico, con 152.957; a Asociación de Exalcohólicos de Ferrolterra, con 98.349; e a Asociación Viguesa de Alcoholoxía (ASVIDAL), para o desenvolvemento da asistencia a pacientes con trastornos relacionados con substancias adictivas, con 180.644 euros.
 
No ano 2018 foron atendidos preto de 9.000 usuarios de xeito directo por parte destas asociacións no marco das axudas do Servizo Galego de Saúde.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss