O 061 de Galicia condena firmemente as sabotaxes contra os recursos do servizo público de urxencias e emerxencias sanitarias
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
09 03 2019

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 condena firmemente as sabotaxes contra as ambulancias, que conforman o sistema público de urxencias e emerxencias, producidas durante a terceira convocatoria de xornadas de folga, que comezou o pasado día 4 ás 00:00 horas e que está previsto se manteña ata ás 23:59 horas de mañá domingo, 10 de marzo. A convocatoria de folga enmárcase no contexto da falta de acordo na negociación polo convenio colectivo entre a patronal e os técnicos en emerxencias sanitarias que realizan o servizo de transporte sanitario urxente e non urxente en Galicia.

Cómpre subliñar que Urxencias Sanitarias de Galicia-061, como servizo encargado do transporte sanitario urxente extrahospitalario na Comunidade Autónoma, ten a consideración de servizo esencial para a poboación e, polo tanto, os servizos mínimos establecidos durante as convocatorias de folga son do 100 %.
 
Picadas nas rodas
Desde as 12:00 horas do día 8 e ata ás 12:00 de hoxe, 9 de marzo, rexistráronse picadas nas rodas de 31 ambulancias asistenciais de soporte vital básico (SVB) con base nos concellos de Vigo (nove ambulancias); Ponteareas, Nigrán, Ponteceso, Ordes e A Coruña (dúas ambulancias en cada unha); Santiago de Compostela, Monforte de Lemos, Melide, Palas de Rei, Redondela, Baiona, Lalín, Chantada, Rianxo, Caldas de Reis, Ribeira e Santa Comba. Todos os vehículos substituíronse no menor tempo posible e seguiron prestando asistencia sanitaria con normalidade. Ademais, outras ambulancias asistenciais de SVB tamén sufriron diferentes actos vandálicos.
 
Urxencias Sanitarias de Galicia-061 continúa a traballar de xeito responsable e comprometido coa poboación para garantir a asistencia sanitaria urxente, de xeito que a convocatoria de xornadas de folga non prexudique a calidade da mesma e os cidadáns non se vexan privados do seu dereito a recibir a asistencia sanitaria máis adecuada ás súas necesidades. Por isto, insiste en facer novamente un chamamento ao comportamento responsable e consecuente, ademais de esixir respecto aos bens e as persoas.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss