Urxencias Sanitarias de Galicia-061 condena firmemente as sabotaxes e insiste na necesidade dun comportamento responsable durante as xornadas de folga
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
10 03 2019

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 condena firmemente as sabotaxes realizadas contra as ambulancias da Rede de transporte sanitario urxente e insiste na necesidade dun comportamento responsable durante a terceira convocatoria de xornadas de folga, que comezou o pasado día 4 ás 00:00 horas e que está previsto se manteña ata ás 23:59 horas de hoxe, 10 de marzo. A convocatoria de folga enmárcase no contexto da falta de acordo na negociación polo convenio colectivo entre a patronal e os técnicos en emerxencias sanitarias que realizan o servizo de transporte sanitario urxente e non urxente en Galicia.

Cómpre subliñar que Urxencias Sanitarias de Galicia-061, como servizo encargado do transporte sanitario urxente extrahospitalario na Comunidade Autónoma, ten a consideración de servizo esencial para a poboación e, polo tanto, os servizos mínimos establecidos durante as convocatorias de folga son do 100 %.

Picadas nas rodas  
Desde as 12:00 horas do día 9 e ata as 12:00 de hoxe, 10 de marzo, rexistráronse picadas nas rodas de dúas ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado (SVA) con base na Coruña e 24 ambulancias asistenciais de soporte vital básico (SVB) con base nos concellos de Vigo (tres ambulancias), Betanzos, A Coruña e Cangas do Morrazo (dúas ambulancias en cada unha), Baiona, Cambre, Vilalba, Ponteareas, Redondela, Nigrán, Curtis, Arteixo, Tomiño, Melide, A Estrada, Noia, Santiago de Compostela, Ordes e Muros. Todos os vehículos substituíronse no menor tempo posible e seguiron prestando asistencia sanitaria con normalidade. Ademais, outras ambulancias asistenciais de SVB tamén sufriron diferentes actos vandálicos.
 
Urxencias Sanitarias de Galicia-061 continúa a traballar de xeito responsable e comprometido coa poboación para garantir a asistencia sanitaria urxente, de xeito que a convocatoria de xornadas de folga non prexudique a calidade da mesma e os cidadáns non se vexan privados do seu dereito a recibir a asistencia sanitaria máis adecuada ás súas necesidades. Por isto, insiste en facer novamente un chamamento ao comportamento responsable e consecuente, ademais de esixir respecto aos bens e as persoas.
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss